Tradición, callos e música para celebrar os 900 anos do Mosteiro de San Salvador de Bergondo

ACoruñaXa
A V Romaría do Mosteiro reunirá o domingo 27 de setembro gastronomía, actividades familiares e actuacións musicais nunha xornada especial
BERGONDO mosteiro
12 Sep 2026

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo será o escenario o próximo domingo 27 de setembro da quinta edición da Romaría do Mosteiro, unha cita que este ano terá un significado especial ao integrarse na programación deseñada para conmemorar o 900 aniversario da fundación do cenobio.

A xornada combinará tradición, gastronomía, actividades para toda a familia e música no contorno deste Ben de Interese Cultural. A celebración está organizada pola UPA Bergondo, coa colaboración do Concello de Bergondo, Aniniproject e a Asociación Tantakuy.

A programación comezará ás 13.00 horas coa misa tradicional. A continuación, ás 13.45 horas, terá lugar a sesión vermú, antes da comida popular prevista para as 14.30 horas.

O menú terá como protagonista os callos e terá un prezo de 15 euros, incluíndo tamén viño, pan, sobremesa e café. A organización instalará ademais unha zona de bar e ofrecerá choripán por 2,50 euros como alternativa.

Xogos, chelo e jazz durante a tarde

A actividade continuará pola tarde con propostas para diferentes idades. Ás 16.00 horas comezarán os xogos infantís, pensados para que os máis pequenos tamén poidan gozar da romaría.

Media hora despois, ás 16.30 horas, chegará a quenda da música clásica cunha actuación de Mar Rodríguez Villanueva, que ofrecerá un concerto de chelo en solitario.

Durante a tarde tamén se celebrará un sorteo de agasallos entre as persoas participantes na romaría.

A programación chegará ao seu remate ás 18.30 horas coa actuación de Yolema Fernández Trio, que levará o jazz ao recinto histórico do mosteiro para poñer o broche final a esta quinta edición.

A V Romaría do Mosteiro preséntase así como unha das citas da programación do 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador, combinando a celebración veciñal coa posta en valor dun dos principais elementos patrimoniais de Bergondo.

0.11205887794495