Todo listo para o San Roque de Betanzos: o Globo será o gran momento dunha festa que obrigará a reforzar a seguridade

ACoruñaXa
As celebracións comezan este venres 14 e prolongaranse ata o día 25, con cortes de tráfico, cambios no transporte e un dispositivo especial ante a chegada de milleiros de visitantes
BETANZOS globo 150 aniversario
13 Aug 2026

As festas de San Roque xa están a piques de tomar as rúas de Betanzos. A celebración comezará este venres 14 de agosto e prolongarase ata o martes 25, con dezaseis días de actividades nos que a cidade volverá vivir algunhas das súas tradicións máis coñecidas. Entre todas elas, hai unha noite que concentra especialmente a atención: a do 16 de agosto, cando o histórico Globo de San Roque volverá elevarse sobre a cidade.

O programa oficial combina actos tradicionais, música, actividades deportivas, propostas infantís e as dúas xiras fluviais aos Caneiros. As festas, declaradas de Interese Turístico de Galicia, teñen así un carácter que vai moito máis alá das verbenas e que converte Betanzos durante estes días nun dos grandes focos festivos do verán na comarca.

O arranque terá lugar este venres coa tradicional salva de bombas ao mediodía. Pola tarde-noite, a comitiva das festas percorrerá as rúas da cidade ata a praza da Constitución, onde será nomeada como representante das festas Myriam Arnoso Roca e terá lugar o pregón a cargo de Dolores Vázquez Mosquera. A xornada rematará cunha actuación de La Banda de Ayer na praza dos Irmáns García Naveira.

O sábado continuará a programación con alboradas, actividades deportivas, o nomeamento da representante infantil, actos relixiosos e a verbena de Panorama.

O 16 de agosto, a noite máis esperada

Se hai unha data marcada en vermello no calendario brigantino é o domingo 16. Ese día celebrarase a Función do Voto e, pola noite, chegará o momento máis emblemático das festas: o Globo de San Roque.

A partir das 23.30 horas, unha bomba de palenque anunciará a saída do globo desde o cinema Alfonsetti para iniciar o proceso de preparación e inchado. Unha vez listo, o enorme aeróstato de papel volverá percorrer o ceo nocturno de Betanzos, mantendo viva unha tradición que forma parte da identidade da cidade. Despois chegarán o acendido da fachada de San Roque e os fogos artificiais, antes de que a verbena continúe na praza.

A xornada está considerada de máxima afluencia, polo que o Concello e Cruz Vermella habilitarán tamén un servizo gratuíto para localizar nenos e nenas perdidos na praza dos Irmáns García Naveira entre as 19.00 e as 22.30 horas.

Cortes de tráfico e cambios no transporte

A chegada de miles de persoas obrigará tamén a modificar a circulación no centro da cidade. A Policía Local activará un dispositivo especial para regular os accesos e facilitar a mobilidade durante as xornadas de maior afluencia.

A praza García Irmáns permanecerá pechada ao tráfico rodado en diferentes momentos. Este venres 14 o corte comezará ás 19.00 horas e manterase ata que remate a actuación nocturna. O sábado 15 a restrición iniciarase ás 15.00 horas e continuará durante a xornada do domingo 16, ata o remate da verbena.

Os cortes terán consecuencias tamén para o transporte público. As liñas regulares deberán modificar os seus percorridos e utilizar, nos horarios afectados, as paradas habilitadas na avenida da Coruña, na zona dos institutos, ou na rúa Jesús García Naveira.

O dispositivo poderá ampliarse ou modificarse en función da afluencia e do desenvolvemento dos actos. O Concello recomenda planificar os desprazamentos con antelación, evitar na medida do posible o vehículo privado e respectar tanto a sinalización como as indicacións dos axentes.

Música, tradición e os Caneiros

O programa continuará despois da noite do Globo. O luns 17 haberá unha xornada con prezos reducidos nas atraccións e a actuación de Roi Casal, mentres que o martes 18 chegará outra das grandes tradicións das festas: a primeira xira fluvial aos Caneiros.

As embarcacións partirán desde o peirao do Paseo da Tolerancia e a romaría trasladarase ao Campo dos Caneiros, onde haberá animación musical. Ao regreso, a Ponte Vella acollerá unha sesión de fogos artificiais e a festa continuará cunha verbena.

Nas xornadas seguintes haberá actividades para nenos, deporte, música e novas propostas culturais. O calendario inclúe tamén unha segunda xira aos Caneiros o día 25, que servirá para poñer o peche ás festas de San Roque de 2026.

Con todo preparado e co dispositivo especial xa definido, Betanzos entra desde este venres nun dos períodos de maior actividade do ano. A gran incógnita volverá ser a resposta do público ante unha noite do Globo que, un ano máis, promete converter o centro da cidade nun auténtico formigueiro.

PROGRAMA COMPLETO

0.12119483947754