Todo listo en Ardemil para celebrar unha nova edición da Festa da Malla esta fin de semana

Ardemil xa ten todo preparado para recibir esta fin de semana unha nova edición da Festa da Malla, unha das celebracións etnográficas máis destacadas do municipio de Ordes. A Asociación Cultural Castro da Croa, coa colaboración do Concello, volverá reunir centos de persoas arredor dunha cita que combina tradición, patrimonio e ambiente festivo.
As actividades comezarán na noite do venres 7 de agosto cunha grellada popular gratuíta e música en directo. Con todo, será o sábado cando se desenvolva o groso da programación coa recreación da malla tradicional, un dos momentos máis representativos da festa.
Ao longo da xornada tamén poderá visitarse a feira de antigüidades e maquinaria agrícola, considerada a máis grande de Galicia, na que se exhibirán tractores, motores de malla, coches e motos clásicas, ademais de numerosos obxectos vinculados ao mundo rural.
A programación completarase cunha ampla oferta gastronómica, animación musical durante toda a xornada e propostas para a cativada, entre elas un circuíto de tractores pensado especialmente para o público infantil.
A organización confía en repetir a boa acollida das últimas edicións e volver converter Ardemil nun punto de encontro para afeccionados ás tradicións populares chegados de diferentes puntos de Galicia.