The Rapants levarán o seu ‘Rapants Club’ ás Noites de María Pita este martes

ACoruñaXa
A banda muradá actuará ás 22:00 horas na praza de María Pita dentro da programación das Festas de María Pita 2026
the rapants club
11 Aug 2026

A praza de María Pita acollerá este martes 11 de agosto, ás 22:00 horas, o concerto de The Rapants, unha das bandas galegas con maior proxección dos últimos anos. O cuarteto de Muros presentará en A Coruña o seu novo traballo discográfico, ‘Rapants Club’, dentro da programación das Festas de María Pita 2026.

A formación chega á cidade nun dos momentos máis destacados da súa traxectoria, tras converterse nunha das propostas máis demandadas dos escenarios galegos e estatais. A súa música combina pop, garage rock e influencias disco, cunha potente posta en escena que se converteu nun dos sinais de identidade do grupo.

Durante o concerto, The Rapants presentará os temas do seu cuarto álbum de estudo, publicado este ano. ‘Rapants Club’ supón unha evolución no son da banda, con novas influencias electrónicas e sonoridades máis próximas á música disco, sen abandonar a identidade que caracteriza a súa música.

O disco está formado por doce cancións e conta con colaboracións de artistas como Joe Crepúsculo, Sara Faro e Antía Ameixeiras. Guitarras contundentes, sintetizadores, novas texturas e estribillos pensados para o directo forman parte dunha proposta coa que o grupo continúa ampliando o seu público.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a presenza da banda na programación festiva e sinalou que o Concello continúa apostando polo talento musical galego e por dar espazo nas grandes programacións da cidade ás formacións que están marcando o presente da música galega.

The Rapants consolidáronse nos últimos anos como unha das bandas destacadas da escena musical galega contemporánea. O seu anterior álbum, ‘La máquina del buen rollo’, foi recoñecido co Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego, ademais de levar a formación a escenarios e festivais de toda a Península.

O concerto deste martes forma parte das Noites de María Pita, un dos ciclos centrais das Festas de María Pita 2026, que durante o mes de agosto reúne na praza de María Pita artistas galegos, estatais e internacionais.

0.15031599998474