Teresa Búa Zache, estudante da UDC, galardoada na IV Edición dos Premios Valedora do Pobo
A alumna da Universidade da Coruña, Teresa Búa Zache, acaba de ser galardoada na IV Edición do Premio da Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) e de Fin de Máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres polo seu TFM 'Lexislar e xulgar dende a perspectiva de xénero: especial referencia ao ámbito do dereito penal e aos delitos sexuais'.
Teresa Búa, de 24 anos, natural de Carballo, cursou o Máster en Avogacía entre os anos 2021 e 2023, superando o TFM con matrícula de honra.
A resolución do premio da Valedora do Pobo fíxose pública o día 20 de febreiro, e consiste nunha dotación económica de 1000 euros e un diploma acreditativo. A estudante xa recollera o ano pasado por este mesmo traballo o segundo premio do concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño, que convoca cada ano a Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, dotado con 200 euros máis un diploma.
A Valedora do Pobo convoca con carácter anual estes premios, en colaboración coas tres universidades públicas galegas, para recoñecer aqueles traballos que destaquen polo seu valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres e que fosen lidos, defendidos ou xulgados e aprobados ante calquera universidade galega no curso académico 2022-2023.