Teixeiro impulsa a súa transformación urbana co proxecto de reparcelación do APE-4


O núcleo de Teixeiro dá un paso adiante na súa ordenación urbanística. O Concello de Curtis aprobou o proxecto de reparcelación do ámbito APE-4, unha actuación prevista no Plan Xeral que pretende reorganizar e mellorar a contorna do CEIP e dos equipamentos municipais próximos, coa creación de novos espazos públicos e a completación do viario existente.
A intervención permitirá dispoñer dunha parcela de 3.662 metros cadrados para facilitar a ampliación do CEIP de Teixeiro, xa posta á disposición da Consellería de Educación. Ademais, prevese a creación de máis de 4.000 metros cadrados de zonas verdes e a reserva de 2.834 metros cadrados para novos equipamentos públicos.
O Concello explica que o APE-4 é un ámbito de solo urbano non consolidado situado no centro de Teixeiro, ao leste do edificio consistorial, cunha superficie aproximada de 24.000 metros cadrados. O desenvolvemento contempla espazos libres e zonas verdes, parcelas para equipamentos en continuidade cos xa existentes, novos viarios e aparcamentos, e solo para vivenda colectiva, incluíndo a posibilidade de vivenda protexida.
A actuación tramítase por iniciativa municipal a través do sistema de cooperación, polo que os propietarios do solo asumirán os custos de urbanización, compensados coa adxudicación proporcional de solares edificables. O Concello prevé informar ás persoas afectadas nunha reunión convocada en Teixeiro para explicar procedemento, prazos e custos asociados.