Teatro, maxia, música e festas infantís protagonizarán o agosto cultural de Ordes

O Concello de Ordes presentou a programación de 'Unha viaxe pola cultura', unha iniciativa que encherá de teatro, maxia, danza, música, clown e actividades familiares distintos espazos do municipio entre o 1 e o 11 de agosto.
Organizado en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, o programa inclúe propostas gratuítas para todos os públicos que se desenvolverán na Alameda de Ordes e na Praza Cidade de Veracruz-México.
A programación arrancará o sábado 1 de agosto co tradicional Encontro Folclórico, que reunirá ás agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Veciños de Leira Gaiteiros e ás pandeireteiras de Ardevento. A cita será ás 20.00 horas na Alameda.
O luns 3 de agosto, Paula Quintas e Arturo Cobas presentarán 'Royal', un espectáculo que combina clown e danza con humor, emoción e acrobacias. Ao día seguinte, Umami Dancetheatre levará á Praza Cidade de Veracruz-México 'Agridulce', unha proposta que mestura breakdance, teatro, pantomima e comedia física para reflexionar sobre a discriminación.
A Alameda volverá ser escenario o mércores 5 de agosto coa actuación de Pistacatro e o seu 'Autoestopista intergaláctico', mentres que o xoves 6 Teatro Ghazafelhos representará 'Sherezade, Aladino e os tres beduinos', unha adaptación inspirada nas historias de 'As mil e unha noites'.
A programación continuará os días 10 e 11 de agosto na Praza Cidade de Veracruz-México. Cía Artrópodo presentará 'Tal vez', un espectáculo de circo contemporáneo que combina acrobacias, equilibrios e humor, mentres que o peche correrá a cargo do ilusionista galego Dani García coa súa proposta 'Foto, foto'.
Un dos momentos máis esperados chegará o venres 7 de agosto coa celebración do Día do Neno e da Nena. Desde as 17.00 horas, o Campo da Feira e a piscina do Muíño acollerán inchables, xogos e unha festa da escuma para despedir a xornada.