Teatro e música sinfónica se unen en 'A Culpa', o espectáculo que chegará á Coruña no verán de 2027

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A adaptación da novela de María Solar, que se estreará en Ferrol o 7 de novembro, contará con música orixinal interpretada en directo por músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia
A CORUÑA obra a culpa
4 Sep 2026

Unha historia de misterio, emigración e memoria chegará aos escenarios da Coruña en xuño de 2027 cunha proposta pouco habitual: teatro e música sinfónica integrados nun mesmo espectáculo. Trátase de 'A Culpa', a adaptación teatral da novela homónima de María Solar, gañadora do Premio Xerais en 2022, que se poderá ver no Teatro Colón.

A montaxe está impulsada por Estudo Momento en coprodución co Centro Dramático Galego e coa colaboración do Concello da Coruña e da Orquestra Sinfónica de Galicia. Antes de chegar á cidade herculina, a obra estrearase o 7 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol.

O espectáculo parte da historia de Amanda, unha empregada de banca de Santiago que recibe a inesperada herdanza dunha misteriosa multimillonaria arxentina. A partir de aí, emprende unha viaxe a Bos Aires coa intención de descubrir por que foi elixida e que se agocha detrás daquela decisión.

A investigación levaraa a reconstruír unha historia marcada pola emigración galega, os silencios familiares, a memoria e a culpa. Ese universo trasladarase ao escenario nunha montaxe na que a música terá un papel central, non como simple acompañamento, senón como parte da propia narración.

A adaptación e dramaturxia corren a cargo de Xoán C. Mejuto, que tamén codirixe a obra xunto a Iria Ares e forma parte do elenco. A música orixinal foi composta por Gabriel Bussi, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Durante a estrea, unha formación de cámara integrada por sete músicos vinculados á OSG interpretará a partitura en directo. Posteriormente, 35 músicos da orquestra gravarán a banda sonora, permitindo que o espectáculo poida representarse tanto con música en directo como cunha versión sinfónica gravada.

A proposta busca así combinar diferentes linguaxes escénicas nunha historia que conecta Galicia e Arxentina a través da memoria e da emigración. A súa chegada á Coruña en 2027 permitirá ver no Teatro Colón unha produción que pretende levar o concepto de teatro sinfónico a un formato pouco habitual nos escenarios galegos.

0.15186905860901