Tarabela Creativa regresa a Culleredo cunha comedia sobre o pai dunha actriz e Mick Jagger

ACoruñaXa
A compañía lucense representará 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger' este venres, 6 de novembro, ás 20:30 horas, no auditorio do Burgo; as invitacións son gratuítas
CULLEREDO obra mick jagger
5 Nov 2026

O rock e o humor daranse cita este venres en Culleredo coa representación de 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger', a nova proposta escénica de Tarabela Creativa. A compañía lucense regresará ao municipio cunha comedia que establece un curioso paralelismo entre dúas vidas: a do pai da actriz Carmen Conde e a do líder dos The Rolling Stones.

A función terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. A obra parte da coincidencia de que ambos naceron no mesmo ano e constrúe, ao ritmo do rock, un percorrido biográfico que conecta a traxectoria do músico británico coa dun home que traballou durante décadas como especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial.

A montaxe está dirixida por Avelino González e conta coas interpretacións de Carmen Conde, Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante. Lareu chega a esta representación despois de recibir dous recoñecementos nos Premios María Casares: mellor actor protagonista por 'Un tal Romeo' e mellor actor secundario por 'Reconversión'.

Invitacións gratuítas e función para público adulto

A representación está dirixida ao público adulto e ten unha duración aproximada de 90 minutos. Está incluída na programación de artes escénicas do Concello de Culleredo, desenvolvida coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural.

As invitacións son gratuítas e poden reservarse no teléfono 981 665 597, en horario de 16:00 a 21:00 horas.

0.15685892105103