Special Olympics Galicia conmemora o seu 25 aniversario co apoio da Deputación

Special Olympics Galicia celebra este ano o seu 25 aniversario cun programa de actividades co que busca poñer en valor un cuarto de século de traballo pola inclusión social das persoas con discapacidade intelectual. A entidade, creada no ano 2000 por 17 asociacións galegas, promove desde entón a participación plena na vida comunitaria a través do deporte, o lecer, a cultura e o voluntariado.
A Deputación da Coruña apoiará esta conmemoración cunha achega de 25.000 euros, destinada a cofinanciar diferentes accións vinculadas ao aniversario. Entre elas figuran actividades de difusión, a edición dun libro sobre a traxectoria da entidade e outros materiais conmemorativos baixo o lema '25 anos de inclusión no deporte'.
Ao longo destes anos, Special Olympics Galicia consolidou un amplo programa de actividades deportivas, lúdicas e culturais no que participan persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia. Ciclismo, natación ou atletismo forman parte das súas propostas, xunto con representacións teatrais, encontros de convivencia, accións de voluntariado e participación en citas de ámbito provincial, autonómico, estatal e internacional.
A entidade defende que a práctica deportiva contribúe ao benestar físico e emocional, reforza a autoestima, fomenta a cooperación e axuda a desenvolver capacidades como a iniciativa, o liderado, o valor ou o autodominio. O seu traballo céntrase en poñer o foco nas capacidades de cada persoa e en combater estereotipos e barreiras sociais.
A celebración deste aniversario quere servir tamén como recoñecemento ás familias, profesionais, voluntarios, deportistas e asociacións que durante estes 25 anos contribuíron a facer máis visible o papel das persoas con discapacidade intelectual na sociedade galega.