Soavila Rural busca en Carral mulleres emprendedoras e proxectos con impacto comunitario

Soavila Rural lanza unha chamada a mulleres emprendedoras, profesionais, entidades, colectivos e persoas con experiencia que queiran desenvolver actividades ou poñer en marcha novos proxectos no seu espazo. A proposta busca xerar unha comunidade arredor do rural, da sostibilidade, do benestar e da colaboración.

A iniciativa ofrece un entorno natural para acoller proxectos relacionados co cultivo de flores e plantas, hortas ecolóxicas, agricultura terapéutica, artesanía, vida saudable, actividades para grupos, educación ambiental ou propostas de impacto social e comunitario.
Desde Soavila Rural explican que queren compartir o seu espazo con persoas que teñan ideas con vontade de transformar, crear redes e achegar valor á comunidade. A convocatoria tamén está aberta a talleres, formacións, charlas, encontros, terapias, acompañamentos, retiros, grupos de apoio e actividades ao aire libre.
Entre as áreas prioritarias figuran a agricultura terapéutica e as hortas educativas, a intervención asistida con animais, o benestar emocional e a saúde comunitaria, a comunicación non violenta, os recursos e o acompañamento familiar, a igualdade de xénero, a prevención de violencias, a educación ambiental e a participación social.
O proxecto pon o foco especialmente no apoio entre mulleres, na colaboración e na creación de iniciativas con alma, capaces de conectar natureza, coidados e desenvolvemento comunitario. Tamén ofrece recursos compartidos, infraestruturas comúns, flexibilidade para adaptar cada proposta e a posibilidade de xerar sinerxías entre proxectos afíns.
As persoas interesadas deberán enviar unha presentación da actividade ou proxecto que queren desenvolver, indicando quen son, que propoñen, a quen vai dirixida a iniciativa, a modalidade prevista e a súa dispoñibilidade.