Soavila gañará novas beirarrúas e unha rede de drenaxe para mellorar a seguridade viaria

Os traballos para mellorar a seguridade viaria e a drenaxe en Soavila, na parroquia de Cañás, xa están en marcha. O Concello de Carral iniciou a execución dun proxecto que permitirá dotar a zona de novas beirarrúas de formigón e completar a rede de canalización de augas pluviais, unha actuación coa que se busca aumentar a seguridade tanto dos peóns como dos vehículos.
A intervención contempla a construción de novos itinerarios peonís, así como a execución dunha rede de drenaxe que permitirá mellorar a evacuación da auga da choiva, reducindo o risco de encharcamentos e acumulacións sobre a calzada, un dos problemas que viña afectando a este punto do municipio.
As obras inclúen tamén a execución de novas cunetas e a limpeza e mellora das xa existentes, co obxectivo de optimizar a recollida das augas superficiais e favorecer a conservación da estrada. Deste xeito, preténdese incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nunha contorna frecuentada pola veciñanza.
Esta actuación enmárcase dentro das actuacións de mellora das infraestruturas municipais que o Concello de Carral está a desenvolver en distintos puntos do termo municipal, coa finalidade de renovar servizos básicos e reforzar a seguridade nas vías locais. Nos últimos meses o goberno local impulsou diferentes proxectos centrados na mellora da mobilidade peonil, da drenaxe e do estado da rede viaria.
Co inicio das obras, o Concello solicita comprensión á veciñanza polas posibles molestias ocasionadas durante a execución dos traballos, que permitirán resolver problemas recorrentes de drenaxe e dotar a Soavila dun espazo máis seguro e funcional para residentes e persoas usuarias da vía.