Silvio Rodríguez cativa A Coruña cun Coliseum ateigado

ACoruñaXa
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo un encontro con artista para conversar sobre os fortes lazos existentes entre esta vila e Cuba
coliseum-concerto-silvio-rodriguez
20 Sep 2026

Silvio Rodríguez reencontrouse este sábado co público galego nun Coliseum da Coruña completamente ateigado, onde o cantautor cubano ofreceu un recital de dúas horas no que combinou clásicos da súa traxectoria con novas composicións e mantivo intactas a súa voz e a súa destreza instrumental. O concerto, única parada en Galicia da súa xira española, estivo marcado tamén polo compromiso social que acompaña a súa carreira.

O artista iniciou a actuación ás 21.00 horas acompañado por sete músicos e dedicou as primeiras palabras do concerto á escritora e xornalista galega Begoña Caamaño, á que lembrou como unha amiga. A homenaxe chegou poucas semanas despois de que se presentase unha nova versión de O teu nome é bandeira, na que Rodríguez canta por primeira vez en galego xunto a Uxía.

O silencio respectuoso que acompañou os primeiros temas novos deu paso rapidamente á participación dun público de diferentes idades. Cancións como Sueño con serpientes, Escaramujo, Pequeña serenata diurna, Canción del elegido, El necio, Te doy una canción ou Por quien merece amor foron seguidas polas voces dos asistentes, que se uniron especialmente en Ojalá.

Entre os momentos máis destacados estivo a interpretación de La Belleza, na que Silvio Rodríguez estivo acompañado unicamente pola frauta da súa esposa, Niurka González, e polo piano da súa filla, Malva Rodríguez. O recital tamén tivo espazo para as referencias ao compromiso social do cantautor, coa lembranza do expresidente uruguaio Pepe Mujica e da súa esposa, Lucía Topolansky, así como coa lectura dun poema sobre Auschwitz do escritor cubano Luis Rogelio Nogueras.

A referencia a Palestina tamén estivo presente no concerto, coa interpretación de Halt e a posterior resposta do público coa consigna "Palestina vencerá". As palabras de José Martí, considerado por Rodríguez "o apóstolo da liberdade de Cuba", e a canción Viene la Cosa, sobre a situación que vive a illa, completaron unha actuación na que a música conviviu coas mensaxes de carácter social.

En total, o artista interpretou 23 cancións ao longo de dúas horas e pechou o concerto entre os aplausos dun público posto en pé. Quedaron fóra do repertorio temas como ¿Dónde pongo lo hallado?, La Maza, Óleo de mujer con sombrero ou Playa Girón, parte dun repertorio construído ao longo de 59 anos de carreira.

Tras a actuación, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo un encontro con Silvio Rodríguez para felicitalo pola "extraordinaria e emocionante" actuación e conversar con el sobre diferentes cuestións de actualidade, así como sobre os fortes lazos existentes entre Oleiros e Cuba tras décadas de cooperación, amizade e solidariedade.

García Seoane destacou a figura de Silvio Rodríguez como unha referencia cultural e moral a nivel mundial e puxo en valor o seu compromiso coa realidade cubana. Segundo o alcalde, o cantautor é un firme defensor da revolución, aínda que tamén crítico con aquelas cuestións que considera que deben cambiar en Cuba, e mantén o seu compromiso coa soberanía, a dignidade e o dereito do pobo cubano.

O rexedor de Oleiros aproveitou tamén o encontro para referirse á situación que, segundo sinalou, vive actualmente Cuba. García Seoane afirmou que a illa leva máis de nove meses nunha situación "extrema", con dificultades para a entrada de combustible, medicamentos e alimentos, que cualificou como un "illamento absolutamente horrible, inimaxinable case desde aquí".

O alcalde comparou esta situación coa vivida en Gaza e reclamou romper o que considera un silencio internacional arredor de Cuba. Na súa intervención, cualificou o bloqueo estadounidense como "xenocida" e chamou a denunciar a situación e a trasladar a mensaxe de que "Cuba non está soa".

0.087131977081299