Silvia García fai historia para o Sada Patín cun título de España nos 100 metros sprint

O Sada Patín celebra un novo éxito no patinaxe de velocidade. A súa deportista Silvia García Arribe proclamouse este domingo campioa de España nos 100 metros sprint durante o Campionato de España de Patinaxe de Velocidade en Circuíto 2026, que se está a disputar esta fin de semana en Málaga.
A competición reúne os principais especialistas nacionais das categorías xuvenil, júnior, sénior e máster e celébrase por primeira vez en Andalucía. As probas teñen como escenario o circuíto instalado xunto ao Palacio de Deportes José María Martín Carpena.
Para Silvia García, o ouro nos 100 metros supón un importante recoñecemento á súa evolución dentro do patinaxe de velocidade. A deportista leva anos competindo co Sada Patín e xa destacaba desde as categorías inferiores, chegando a formar parte das convocatorias da selección galega.
O club sadense celebrou especialmente un resultado que considera froito do traballo e da constancia da patinadora e do seu equipo técnico. A entidade tamén quixo recoñecer o labor do seu adestrador, Salva, ao que atribúe unha parte importante do camiño percorrido ata conseguir este título nacional.
A proba dos 100 metros sprint é unha das especialidades máis explosivas do patinaxe de velocidade. Nun percorrido tan curto, a saída, a aceleración e a capacidade para manter a máxima velocidade resultan determinantes para decidir o podio.
O campionato de Málaga conta con arredor de 200 patinadores e esténdese ao longo das xornadas do sábado e o domingo. A cita está organizada polo Club de Patinaje Al-Andalus coa colaboración do Ayuntamiento de Málaga e da Deputación de Málaga, ademais do respaldo da Real Federación Española de Patinaje.
Con este ouro, Silvia García engade así un novo título ao seu percorrido deportivo e coloca novamente o nome do Sada Patín no máis alto do patinaxe de velocidade español.