Sílvia Abril, Dalia Gutmann e Álex Clavero protagonizan este viernes el Encontro Mundial de Humorismo

ACoruñaXa
Presentacións de libros e shows de humor lideran este venres o EMHU
Imaxe de Álex Clavero
Imaxe de Álex Clavero
3 may 2024

Sílvia Abril, Dalia Gutmann e Álex Clavero protagonizan a xornada deste 3 maio do Encontro Mundial de Humorismo este venres, 3 de maio. A Librería Santos Ochoa da rúa Teresa Herrera acollerá, ás 19.00 horas, a presentación do novo libro de Sílvia Abril 'Pérdidas de risa', coa participación da cómica e do director artístico do EMHU Luis Piedrahita, nunha charla distendida con entrada libre, que incluirá, tamén, firma de exemplares ao remate.

Pola súa banda, a arxentina Dalia Gutmann inicia na Coruña, da man deste EMHU 2024, a xira española do seu último show, Tengo cosas para hacer, un divertido delirio de cancións, monólogos e interaccións que poderá verse no Auditorio da Sede Afundación ás 19.00h, coas entradas xa esgotadas.

A xornada pecharase da man do cómico e presentador Álex Clavero, quen se subirá ás taboas do Teatro Colón para dar conta do seu espectáculo La nueva normalidad. As entradas para a cita, que comezará ás 21.00 horas, están esgotadas.  

Neste EMHU presentarase un libro co que coñecerás as historias dunha muller imperfecta e co que terás que manter o control se non queres sufrir… perdas da risa! Sílvia Abril é unha das actrices e cómicas máis recoñecidas no noso país. Colaborou en multitude de programas de televisión e proxectos cinematográficos. Este 2024 regresa ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar 'Pérdidas de risa', o seu novo traballo editorial de non ficción, que chega para plasmar o momento actual que a propia humorista está a vivir e que comparte con millóns de mulleres na súa mesma situación. Este venres, 3 de maio, o EMHU acolle unha conversa distendida coa artista dirixida a todas aquelas persoas que estean dispostas a ter “perdas da risa”. Ao remate da cita, moderada por Luis Piedrahita, a cómica asinará exemplares do seu libro.

“Aos 50, a maldita crise non chega de súpeto. Chega cando estás medio cega, menopáusica e cos teus primeiros achaques. É nese punto de inflexión cando a xente se pon teimuda: dalle por pensar todo aquilo que lle queda por facer. Que se tirarse en paracaídas, que se facerse un tattoo, que se probar o poliamor… Amigas, a quen queremos enganar? Xa non nos queda tanta enerxía. Propóñovos algo mellor: botemos a vista cara atrás e revisemos todo aquilo que si vivimos. Foi emocionante, divertido e tamén humillante, non imos negar a evidencia. Pero, sobre todo, podemos dicir que si que o vivimos e, o mellor, SUPERÁMOLO”.

A arxentina Dalia Gutmann chega ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar o seu espectáculo 'Tengo cosas para hacer'. A través de monólogos, cancións, interacción coa pantalla, chamadas a metade de show e algúns personaxes que aparecen sobre as táboas, interpretados por ela mesma, Dalia Gutmann comparte co público todo o seu delirio enriba do escenario. A artista convídanos a participar dun espectáculo que fala da celeridade da vida que vivimos, do mundo aspiracional, da culpa, da autoestima, da relación co corpo, das contradiccións, do complexo e apaixoado vínculo coa familia, da parella, da experiencia de ser muller, do sexo e desa interminable lista de cousas pendentes de facer.

'La nueva normalidad' é un monólogo cómico que resume todo o que pasou dende marzo de 2020 ata… sempre! Por isto é para sempre. Todo o que ocurriu a raíz da COVID (non engadimos 19 porque o virus leva tanto tempo connosco que xa é case da casa) foi tan novidoso que, para Álex Clavero, paga a pena lembralo e resumilo dende un punto de vista simpático, gracioso, crítico e absurdo. Todo moi do seu estilo, claro. O único que pretende o cómico con 'La nueva normalidad' é que rías igual (ou máis) que coa antiga.