Sica Romero inaugura os encontros literarios de Iconas cunha cita na Libraría Berbiriana

ACoruñaXa
A autora de Avelaíñas eléctricas, unha das voces emerxentes da literatura galega, participará nunha conversa aberta ao público o 18 de xuño na Coruña
A CORUÑA sica romero
15 Jun 2026

O proxecto Iconas, impulsado por Les Coruña para dar visibilidade aos talentos, á cultura e ás creacións LBTQ+, inicia a súa programación literaria cun encontro protagonizado pola escritora Sica Romero. A cita terá lugar o vindeiro 18 de xuño ás 19.00 horas na Libraría Berbiriana da Coruña.

Natural de Carnota e formada como historiadora da arte, Sica Romero converteuse nos últimos anos nunha das autoras máis destacadas da nova narrativa galega. O seu debut literario chegou en 2022 coa publicación de Avelaíñas eléctricas, unha novela que chamou a atención da crítica pola súa forza narrativa, a súa sensibilidade e a súa capacidade para abordar cuestións complexas desde unha perspectiva íntima e humana.

A obra afonda en temas como o amor, a saúde mental, a familia, a identidade, a violencia ou a memoria a través da historia de dúas mulleres novas marcadas por experiencias traumáticas. O libro consolidou a Romero como unha das voces emerxentes da literatura galega contemporánea e valeulle recoñecementos como o Premio San Clemente de Novela en Lingua Galega en 2023.

Durante o encontro, o público poderá achegarse ao universo creativo da autora e coñecer de primeira man os temas, inquietudes e reflexións que atravesan a súa obra. A conversa abordará tamén o papel da literatura como ferramenta para explorar a identidade, as emocións e as relacións humanas.

A xornalista e comunicadora Laura Cortés será a encargada de moderar o acto. Cortés conta cunha ampla experiencia profesional no ámbito editorial e audiovisual e é autora de Los silencios obcecados, obra finalista do Premio de Periodismo Literario convocado por Angle Editorial.

Con esta actividade, Iconas abre unha nova liña de programación centrada na literatura e na creación contemporánea, reforzando o seu compromiso coa promoción da diversidade e coa creación de espazos de encontro entre autoras, lectores e lectoras.

0.11520600318909