Sen Senra despedirá o seu proxecto PO2054AZ cun concerto exclusivo no Coliseum en 2025

ACoruñaXa
A Coruña acollerá unha das catro únicas datas da xira ‘La última misa’ do artista galego
Imaxe de Sen Senrra
12 Dec 2024

O Coliseum da Coruña será escenario, o 12 de decembro de 2025, dunha das catro únicas actuacións que Sen Senra ofrecerá para pechar o seu proxecto PO2054AZ. Esta exclusiva cita no norte de España confirma o compromiso do Goberno de Inés Rey por converter a cidade nunha referencia cultural e musical. “Unha vez máis, A Coruña sitúase no centro da escena musical acollendo un dos artistas galegos máis destacados”, afirmou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Sen Senra despedirá o proxecto PO2054AZ cun espectáculo titulado ‘La última misa’. O artista xa lanzou dous dos tres discos que conforman esta triloxía, ‘El origen’ e ‘El emigrante’, e ten previsto completar o proxecto o vindeiro ano cun terceiro volume. Os concertos desta xira final celebraranse en catro recintos de referencia a nivel nacional.

As entradas para o concerto no Coliseum sairán á prevenda o luns 16 de decembro de 2024, ás 12:00 horas, na páxina web oficial do artista. A venda xeral abrirase o martes 17 de decembro, á mesma hora, en Ataquilla, na páxina web do artista e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Ademais da actuación de Sen Senra, o Goberno local avanza unha ambiciosa programación musical no Coliseum para o próximo ano, con artistas internacionais como Lenny Kravitz e Alanis Morissette xa confirmados. “A Coruña está a consolidarse como o motor cultural do norte de España”, subliñou Gonzalo Castro, destacando a crecente variedade de propostas dispoñibles para a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.19347786903381