Seitura 22, a rede que busca abrir novas oportunidades para o rural de Ferrolterra, Eume e Ortegal

ACoruñaXa | FerrolXa
A asociación traballa con 22 concellos para impulsar proxectos empresariais, servizos de proximidade, comunidades enerxéticas e relevo xeracional no campo
seiteira 22 visita gandeira
Visita a una explotación gandeira en Ortigueira
27 Nov 2026

Detrás de moitos dos proxectos que contribúen a transformar o rural de Ferrolterra, Eume e Ortegal hai unha rede de colaboración entre concellos, empresas, produtores, asociacións e veciñanza. Unha das entidades que articula ese traballo é Seitura 22, unha asociación sen ánimo de lucro que funciona como Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) e que ten entre os seus principais obxectivos mellorar a calidade de vida no territorio, xerar oportunidades económicas e contribuír a fixar poboación.

O seu ámbito de actuación abrangue 22 concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, ademais de Miño e Vilarmaior. Desde as súas oficinas de atención en Ferrol e Ortigueira, a entidade acompaña persoas emprendedoras, empresas, explotacións agrarias e gandeiras, comunidades de montes, centros educativos e asociacións que buscan poñer en marcha iniciativas ou mellorar as que xa existen.

Seitura 22 constituíuse formalmente o 29 de marzo de 2016, coa intención de integrar nunha mesma estrutura os antigos grupos de desenvolvemento da zona, entre eles Costa Noroeste e Euroeume. A unión permitía xestionar de xeito conxunto os fondos europeos Leader e dar unha resposta coordinada a problemas que afectan ao territorio, como o avellentamento da poboación, o abandono da actividade agraria e a falta de diversificación económica.

O nome da asociación resume esa filosofía. 'Seitura' fai referencia ao tempo e á acción de segar ou recoller a colleita, unha imaxe que representa o traballo colectivo e a idea de sementar iniciativas para recoller os seus froitos no futuro. O número 22, pola súa banda, identifica os concellos que integran o grupo e simboliza a cooperación entre eles.

Co paso dos anos, a entidade ampliou o seu papel. A súa actividade xa non se limita a xestionar subvencións, senón que inclúe o asesoramento técnico, a dinamización de proxectos e a coordinación de iniciativas de cooperación. O traballo diario combina a atención a quen ten unha idea de negocio ou un proxecto social coa avaliación da súa viabilidade, a tramitación de axudas, a organización de xornadas e obradoiros e as visitas sobre o terreo.

Última xunta directivaÚltima xunta directiva

As axudas Leader como ferramenta para crear actividade

Unha das principais vías de actuación de Seitura 22 son as axudas Leader, subvencións cofinanciadas polo fondo europeo FEADER e a Xunta de Galicia a través de AGADER. O seu funcionamento parte dunha metodoloxía participativa, coñecida como 'de abaixo arriba', na que o propio territorio intervén na identificación de necesidades e na selección dos proxectos que poden recibir apoio.

Estas axudas poden beneficiar tanto empresas e persoas autónomas como particulares, asociacións, comunidades de montes e concellos. No caso dos proxectos produtivos, orientados a crear ou manter emprego, as subvencións poden cubrir ata o 50% do investimento. Tamén existe o Bono Activa Rural, destinado a apoiar iniciativas de autoemprego que non requiren grandes investimentos fixos. Os proxectos non produtivos, vinculados ao interese colectivo, á mellora de espazos, aos equipamentos sociais ou á recuperación do patrimonio, poden acadar porcentaxes de financiamento de ata o 90% ou o 100%.

Os datos das últimas resolucións reflicten o alcance deste instrumento. Seitura 22 aprobou axudas directas por máis dun millón de euros para 29 proxectos, que mobilizarán máis de tres millóns de euros de investimento no territorio. As iniciativas foron seleccionadas entre 60 solicitudes presentadas, cuxo potencial de investimento roldaba os nove millóns de euros. Desde a posta en marcha da asociación en 2016, a entidade asegura ter mobilizado millóns de euros de investimento público-privado nas tres comarcas.

Entre as propostas que reciben con maior frecuencia destacan as relacionadas cos servizos de proximidade, o turismo sostible e a transformación agroalimentaria. Tamén existe interese por iniciativas que cubran necesidades cotiás nas zonas rurais, como centros de día, servizos asistenciais, lavanderías ou obradoiros artesanais. A elas súmanse proxectos de agroecoloxía, valorización de produtos da horta e do leite, agroturismo e comunidades enerxéticas.

Do relevo agrario aos comedores escolares

Un dos proxectos de cooperación que impulsa Seitura 22 é Nó Rural, unha iniciativa na que participan seis grupos de desenvolvemento rural galegos e que busca facilitar o relevo xeracional nas explotacións agrarias e gandeiras. O proxecto conecta titulares próximos á xubilación con persoas emprendedoras ou novas xeracións interesadas en incorporarse ao sector e continuar negocios que xa están en funcionamento.

EcoComedoresEcoComedores

Para iso, créanse grupos motores en cada comarca, realízanse visitas ás explotacións e estúdanse as súas necesidades. O traballo inclúe tamén ferramentas para facilitar a mobilización de terras, como un visor cartográfico e a aplicación Agrupe, ademais de alianzas con institucións, centros de formación e produtores. O obxectivo é evitar que explotacións viables teñan que pechar por falta de relevo.

A alimentación de proximidade é outra das liñas de traballo. A través do proxecto Comedores Escolares Sustentables, a asociación asesora centros educativos, equipos directivos, persoal de cociña e familias para incorporar aos menús alimentos frescos, de tempada, ecolóxicos e de quilómetro cero. A iniciativa dá continuidade ao proxecto Ecocomedores, desenvolvido desde 2021, e complétase con obradoiros de cociña, unha guía de produtores e visitas a explotacións para achegar o sector primario á comunidade educativa.

Neste ámbito tamén se enmarca o apoio a infraestruturas compartidas como o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Ademais, Seitura 22 participa desde setembro de 2021 en Terralimenta, un programa impulsado pola Fundación Daniel e Nina Carasso que traballa para avanzar cara a unha transición agroecolóxica e unha maior conexión entre produción e consumo dentro do territorio.

Proxectos que xa teñen impacto nos concellos

A asociación destaca especialmente aquelas iniciativas que crean redes de cooperación e responden a necesidades concretas da poboación. Entre os exemplos que cita figuran o impulso ás comunidades enerxéticas, que permitiu celebrar en Moeche o primeiro encontro galego deste tipo, e o traballo desenvolvido a través de Nó Rural para abordar o relevo agrario desde unha perspectiva comarcal.

Tamén sinala proxectos apoiados polas axudas Leader, como a residencia Suacasa, en San Sadurniño, e os centros de día de Cedeira, Pontedeume e Monfero, orientados a atender a poboación maior nun territorio marcado polo avellentamento. No ámbito agroalimentario menciona os obradoiros lácteos da cooperativa Campo Capela, Queixerías do Eume, nas Pontes, e Brigantium, en San Sadurniño e As Somozas. Entre as iniciativas de agroturismo sostible destaca As Hortas do Mosteiro de Santa Catalina, en Ares, que, segundo a entidade, contribúe a xerar emprego feminino e a poñer en valor os recursos locais.

Visita SuaCasaVisita SuaCasa

A colaboración é, precisamente, un dos elementos que Seitura 22 considera fundamentais para desenvolver estes proxectos. Nos seus órganos de dirección e mesas sectoriais participan representantes dos 22 concellos xunto con asociacións empresariais, cooperativas, entidades culturais e sociais, colectivos veciñais e produtores. Esa estrutura permite identificar necesidades e coordinar respostas con distintos axentes do territorio.

A burocracia e o financiamento, entre as dificultades

Malia as oportunidades que ofrecen as axudas e os proxectos de cooperación, poñer en marcha unha iniciativa no rural segue a presentar obstáculos. Seitura 22 sinala especialmente a complexidade dos trámites administrativos, a obtención de licenzas e permisos sectoriais e as dificultades para cumprir os prazos das distintas administracións.

A isto súmase a necesidade de adiantar o investimento antes de recibir as subvencións. A entidade tamén advirte dos problemas que poden atopar os promotores para conseguir varias ofertas coas que comparar prezos e para atopar provedores capaces de executar as obras dentro dos prazos previstos.

De cara aos próximos anos, un dos principais retos será facer do rural un lugar atractivo para vivir e traballar, especialmente para a poboación moza. A asociación quere avanzar no relevo xeracional das explotacións, consolidar os pactos territoriais de Nó Rural, estender as comunidades enerxéticas e os proxectos de compostaxe descentralizada e ampliar a rede de comedores escolares sustentables.

Tamén propón reforzar a comercialización conxunta dos produtores locais e preparar o seguinte período de programación comunitaria, que comezará en 2028. Todo iso dentro da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo 2023-2027, deseñada coa participación da veciñanza.

A entidade insiste en que a súa función vai máis alá de conceder ou tramitar subvencións. Seitura 22 preséntase como unha ferramenta aberta a calquera persoa que teña unha idea para mellorar a súa parroquia, crear un posto de traballo ou dinamizar unha asociación. O seu propósito, en definitiva, é que o futuro do territorio se constrúa desde o propio territorio, coa cooperación como punto de partida.

Xornadas 'No Rural' en MiñoXornadas 'No Rural' en Miño

0.14996886253357