Seis proxectos sociais reciben o recoñecemento da Deputación polo seu impacto e innovación

A Deputación da Coruña entregou este venres en PALEXCO os V Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, uns galardóns que recoñecen o traballo de entidades e profesionais que contribúen a mellorar a vida das persoas, especialmente daquelas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade.
O acto estivo presidido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e contou coa participación da deputada de Política Social, Mar García Vidal, representantes da corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, entidades sociais e profesionais do sector. Nesta edición foron premiadas seis iniciativas polo seu impacto social, a súa capacidade de innovación e o seu compromiso coa mellora continua.
Na categoría de investigación científica, a Fundación Hospitalarias recibiu o premio por un proxecto centrado na prevención das caídas en persoas maiores, un problema de elevada incidencia nos centros de servizos sociais. A proposta combina a identificación de variables con técnicas cuantitativas e cualitativas, o que a converte nun exemplo de boa práctica.
No ámbito da atención social, a Asociación Española Contra o Cancro foi recoñecida polos seus Clubs de saúde, unha iniciativa orientada a promover hábitos de vida saudables e a ofrecer apoio integral ás persoas pacientes e ás súas familias, con especial presenza nas contornas rurais.
ASPRONAGA foi distinguida polo proxecto Telebaró, que emprega a tecnoloxía para favorecer a comunicación e a participación das persoas con discapacidade intelectual, reforzando a súa autonomía e a súa inclusión social.
Na categoría de familia, infancia e adolescencia, o premio recaeu no programa Redeir@s, da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), polo seu enfoque baseado nos dereitos da infancia e pola promoción da participación activa dos nenos e nenas en espazos seguros e inclusivos.
A Fundación Érguete Integración recibiu o recoñecemento na categoría de inclusión social polo proxecto Tecendo Redes. A iniciativa permite que persoas privadas de liberdade aprendan técnicas tradicionais das redeiras de Corme e elaboren, con redes recicladas, materiais para centros escolares como canastras, porterías ou bolsas de balóns. O programa combina inclusión sociolaboral, reciclaxe, residuo cero e economía circular.
O premio á traxectoria foi para a Real Institución Benéfico-Social Padre Rubinos, en recoñecemento a máis dun século de atención ás persoas máis desfavorecidas e á súa capacidade para adaptarse ás necesidades sociais de cada etapa.
A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista Xosé Ameixeiras pola súa ampla traxectoria profesional e polo seu compromiso coa visibilización do labor das entidades sociais e de problemáticas como a exclusión ou o narcotráfico.
Durante a súa intervención, Formoso definiu as entidades sociais como 'compañeiras imprescindibles' na política social da Deputación e subliñou que o seu traballo mellora cada día a vida de milleiros de persoas e familias en toda a provincia. O presidente provincial lembrou que a institución destina este ano 3,7 millóns de euros ao apoio de máis de 240 entidades sociais, con programas de atención psicosocial, rehabilitación, inserción laboral, transporte adaptado e apoio ás familias.
Pola súa banda, Mar García Vidal destacou que estes premios permiten visibilizar o labor do tecido social e a súa aposta pola innovación. A deputada de Política Social tamén puxo en valor o incremento da participación nesta edición, á que se presentaron 64 candidaturas.