Seis profesionais reforzan a prevención de incendios e o coidado do monte en Abegondo

Abegondo conta xa cunha nova brigada forestal que traballará durante os próximos nove meses en tarefas de prevención de incendios e conservación do medio natural. O equipo está integrado por cinco peóns forestais e unha enxeñeira de Montes, encargada da coordinación dos traballos, e forma parte do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo 2026, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
O alcalde, José Antonio Santiso, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron este luns o antigo campo de fútbol da Fraga, na parroquia do Couto, para coñecer de primeira man o labor que está a desenvolver esta nova brigada.
O persoal incorporouse a comezos do mes de xullo e centrará o seu traballo na prevención de incendios nas franxas secundarias establecidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Entre as actuacións previstas inclúense tarefas de planificación preventiva, limpeza de montes, traballos silvícolas, valorización forestal e xestión da biomasa.
A contratación destes seis profesionais foi posible grazas a unha subvención autonómica de 110.065,24 euros, destinada tamén a favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas.
Este dispositivo completarase coa brigada municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, creada ao abeiro do convenio entre o Concello e a Consellería do Medio Rural. Esta segunda unidade, integrada por un xefe de brigada, un peón condutor e dous peóns, comezará a súa actividade este martes, reforzando os medios municipais para facer fronte ao risco de lumes durante os próximos meses.