Seis persoas reforzan os traballos de prevención de incendios en Abegondo grazas ao programa 'Galicia Suma Talento: Rural Activo'

ACoruñaXa
A Xunta destina máis de 110.000 euros á contratación de persoal para labores forestais e incorpora por primeira vez a figura dun coordinador municipal
ABEGONDO trabajadores
3 Aug 2026

O Concello de Abegondo conta desde este verán con seis traballadores contratados ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha iniciativa da Xunta de Galicia destinada a favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas e reforzar os traballos de prevención de incendios forestais e conservación do medio rural.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este luns o municipio acompañada polo alcalde, José Antonio Santiso, para coñecer de primeira man os traballos que desenvolve este equipo, contratado durante nove meses a xornada completa grazas a unha achega autonómica superior aos 110.000 euros.

O persoal contratado encárgase de actuacións relacionadas coa limpeza de montes, a xestión da biomasa, o mantemento de espazos naturais e outras tarefas forestais e ambientais orientadas a reducir o risco de incendios e mellorar a conservación da contorna.

Como novidade nesta edición, Abegondo incorpora tamén a figura dun coordinador municipal de prevención de incendios, creada para supervisar e organizar o traballo dos equipos nos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga. Este profesional será o encargado de planificar as actuacións e coordinalas co dispositivo autonómico de prevención e defensa contra os lumes.

Durante a visita, Belén do Campo destacou que este programa permite ofrecer unha oportunidade laboral a persoas desempregadas ao tempo que reforza actuacións prioritarias para a protección do territorio e a prevención dos incendios forestais.

No conxunto da provincia da Coruña, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou máis de 5 millóns de euros a esta convocatoria, o que permitiu a contratación de 283 persoas en 82 concellos. Na comarca de Betanzos beneficiáronse 13 municipios, que recibiron preto de 755.000 euros para incorporar 45 traballadores.

Ademais da experiencia laboral, as persoas contratadas recibirán formación específica en prevención de incendios, manexo de maquinaria e ferramentas forestais e seguridade no desenvolvemento deste tipo de traballos, co obxectivo de mellorar a súa cualificación profesional e contribuír á protección sostible do medio rural.

0.11882591247559