Seis conexións con A Coruña, entre os nove servizos de Media Distancia suprimidos por Renfe

A Coruña será unha das cidades máis afectadas pola supresión de servizos de Media Distancia anunciada por Renfe para este luns 20 de abril. A compañía informou da cancelación de nove trens en Galicia por mor da ausencia simultánea de catro maquinistas con base en Vigo, unha incidencia que obriga a alterar de maneira notable a circulación ferroviaria no Eixo Atlántico.
No que atinxe á cidade herculina, veranse afectadas seis conexións con saída ou chegada á estación da Coruña. Queda suprimido o tren que debía saír de Vigo ás 5.08 horas e chegar á Coruña ás 7.17. Tamén se cancela o servizo con saída de Vigo ás 8.00 horas e chegada á cidade herculina ás 9.29, así como o tren que debía partir da Coruña ás 8.00 horas con destino Vigo, onde estaba prevista a súa chegada ás 9.27.
Ao longo da mañá tamén quedan anuladas outras dúas conexións directas coa Coruña. Trátase do servizo que tiña prevista a saída de Vigo ás 10.35 horas e chegada á Coruña ás 12.04, e do tren que debía partir da estación coruñesa ás 11.06 horas en dirección Vigo, con chegada programada ás 12.33. Xa pola tarde, tamén deixa de prestar servizo a conexión que saía da Coruña ás 14.05 horas e chegaba a Vigo ás 15.42.
A maiores destas incidencias con afectación directa na cidade, Renfe tamén suspendeu o tren que debía saír de Vigo ás 17.16 horas con chegada a Santiago ás 18.45, así como a conexión entre Santiago e Vilagarcía das 19.10 horas e o servizo de regreso entre Vilagarcía e Santiago previsto para as 20.35 horas.
Segundo indicou a operadora, a falta de dispoñibilidade destes traballadores, sumada á ausencia de aviso previo, deixou sen cubrir varios servizos a pesar dos intentos realizados para recolocar persoal. A compañía recoñece que a maior incidencia se concentra nas primeiras horas do día, precisamente nunha xornada de forte movemento de viaxeiros no corredor atlántico.
Para reducir o impacto, Renfe puxo en marcha un plan alternativo de transporte por estrada e reforzou a atención ao público nas estacións. A empresa lamentou as molestias ocasionadas e asegurou que traballa para recuperar a normalidade do servizo o antes posible.