Santa Cruz prepárase para recibir unha nova edición de Alfaroleiros con artesanía, música e actividades para toda a familia

ACoruñaXa
A feira abrirá este martes en Oleiros coa participación de 23 oleiros de España e Portugal e unha programación que se prolongará ata o sábado
OLEIROS alfaoleiros 2
4 Aug 2026

O Parque Luís Seoane de Santa Cruz ultíma os preparativos para acoller desde este mércores 5 de agosto unha nova edición de Alfaroleiros, a feira de olería tradicional que converterá Oleiros durante cinco días nun punto de encontro para artesáns, afeccionados á cerámica e visitantes de toda Galicia.

O evento, que este ano celebra a súa trixésimo segunda edición, contará coa participación de 23 oleiros e oleiras procedentes de distintos puntos de España e Portugal, que mostrarán e porán á venda pezas elaboradas de forma artesanal representativas das principais tradicións oleiras da Península Ibérica.

Ademais da exposición e venda de cerámica, Alfaroleiros ofrecerá unha ampla programación paralela pensada para todos os públicos. Ao longo da semana haberá demostracións de olería en directo, obradoiros para achegarse ao oficio, actividades familiares, espectáculos de circo e maxia e propostas participativas que permitirán descubrir de preto o traballo dos artesáns.

A música volverá ser outro dos grandes atractivos da feira. Polo escenario pasarán artistas e grupos como MJ Pérez, Camellos, Colectivo Panamera, Abril e Do Rivés, completando unha programación que combinará tradición e propostas actuais.

Desde o Concello de Oleiros destacan que Alfaroleiros é unha das citas culturais máis consolidadas do verán no municipio e un referente da artesanía tradicional na Península. A feira abrirá as súas portas o 5 de agosto ás 12.30 horas coa inauguración oficial e permanecerá aberta ata o 9 de agosto, convertendo Santa Cruz nun escaparate da cerámica artesanal e da cultura popular.

PROGRAMA

0.12089395523071