Saen a licitación as obras de humanización da rúa Tolerancia en Labañou

ACoruñaXa
O proxecto, cun investimento de preto de 90.000 euros, prioriza a mobilidade peonil e a seguridade no entorno
Así será a rúa Tolerancia cando remate a intervención prevista polo Concello
8 Dec 2024

O Concello da Coruña licita as obras de humanización da rúa Tolerancia, situada no barrio de Labañou, xunto á praza que leva o mesmo nome. Cun orzamento de case 90.000 euros e un prazo estimado de execución de catro meses, o proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno Local o pasado novembro.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que a intervención busca mellorar a mobilidade peonil e garantir a seguridade das familias e crianzas que frecuentan a zona. “Neste punto do barrio é habitual o tránsito de peóns cara ao parque infantil. Con esta obra, integramos a rúa paisaxisticamente coa praza e o parque, reforzando a súa funcionalidade e seguridade”, explicou.

A actuación inclúe a creación dunha plataforma única entre as rúas praza do Almirante Romay e Arxentina, facilitando a conexión entre a praza da Tolerancia e os edificios adxacentes. Segundo indicou Díaz, “ao non haber garaxes nesta sección, o impacto no tráfico rodado será mínimo”.

O proxecto contempla tamén a ampliación das zonas verdes, con novas plantacións de arboredo, e a instalación de mobiliario urbano. Ademais, acometeranse melloras na rede de recollida de augas pluviais, reforzando as infraestruturas existentes.

⚙ Configurar cookies
0.35255908966064