Sae a licitación a renovación do parque infantil do Pasatempo de Betanzos

A Xunta de Goberno Local aprobou sacar a licitación a renovación do parque infantil do Pasatempo, o seguinte paso tras a sinatura do convenio coa Deputación da Coruña. O investimento é de 300.000 euros, dos que a Deputación achega 240.000 (o 80%) e o Concello o 20% restante con fondos propios.
A alcaldesa, María Barral, lembrou que no Pasatempo conviven “dous lugares claramente diferenciados”: a parte histórica, na que o goberno local segue traballando na súa rehabilitación, e o parque infantil, “o máis grande do noso municipio e o máis utilizado con moita diferenza, e dos máis grandes da área metropolitana, creo eu”. Por iso, explicou, “necesitaba un cambio, unha modernización, porque leva moitos anos”.
O proxecto contempla a renovación integral da zona infantil, con 20 novos xogos para diferentes idades: unha gran estrutura multixogos, carrusel, columpios, xogos de equilibrio, balancíns, saltadores, torres, pontes e escalada, ademais de paneis táctiles. Substituirase tamén por completo o pavimento de seguridade.
Ao estar no Parque do Pasatempo, a nova área terá un deseño temático inspirado na obra de Juan García Naveira, con estruturas que evocarán espazos emblemáticos do xardín enciclopédico, como os reloxos mundiais, as cunchas ou as grutas. Será, segundo Barral, un parque “con xogos novos, xogos inclusivos para todos e todas, e algunha sorpresa vinculada a Betanzos e ao contorno no que se atopa”.
A rexedora destacou a achega da Deputación e subliñou que se trata dun importe que “supera con moito o doutros parques infantís da nosa cidade, porque se achega aos 300.000 euros”.
Agora abrirase un prazo para que as empresas presenten as súas ofertas. “Espero que se presente algunha empresa e que non quede deserto, algo que está a ocorrer en procesos de case todos os concellos”, sinalou Barral. Despois, será cuestión de adxudicalo en mesas de contratación, e a alcaldesa espera que “como moi tarde, na primavera comece a rehabilitación integral do parque infantil do Pasatempo”. As obras terán un prazo de execución de catro meses.