Sadanza brilla en Vigo Porté 2026 e conquista ao público con “Enamorá”

A escola sadense de danza Sadanza volveu demostrar o talento da súa canteira no Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo, celebrado no marco do XIV Vigo Porté, unha das citas máis destacadas do calendario da danza a nivel nacional e internacional.
O certame desenvolveuse no Auditorio Mar de Vigo e reuniu durante varios días a escolas e bailaríns procedentes de distintos puntos de España, Portugal e Reino Unido. A representación sadense participou na categoría infantil, integrada por nenos e nenas de entre 12 e 15 anos, onde conseguiu situarse entre as escolas máis destacadas da competición.
Sadanza impúxose nesta categoría a centros procedentes de Coimbra, Portugal, e de Vilassar de Mar, Barcelona. Tamén formaron parte da relación de escolas destacadas representantes de Bideford, Reino Unido, e de Palma de Mallorca, Illas Baleares.
Un dos momentos máis celebrados da participación sadense chegou coa coreografía “Enamora”, unha proposta que conquistou ao público e confirmou o excelente nivel artístico da escola. A actuación recibiu unha gran acollida no auditorio e converteuse nun dos grandes éxitos da presenza de Sadanza no certame.
Ademais, a escola sadense tamén destacou con outras propostas coreográficas, reforzando o seu papel como referente da danza en Sada e levando o nome do municipio a unha competición de proxección internacional.
Desde o Concello de Sada trasládase a máis sincera felicitación a todo o alumnado, ás familias e ao equipo docente de Sadanza polo traballo, a constancia e os excelentes resultados acadados.