Sada sortea 1.000 euros por mercar no comercio local durante este Nadal

ACoruñaXa
A iniciativa busca fomentar as compras locais durante as festas, con premios para os veciños que apoien os establecementos da vila
sada comercio local nadal
30 Nov 2024

Este Nadal, o Concello de Sada aposta por dinamizar o comercio local cun atractivo sorteo de 1.000 euros. A través dunha campaña organizada pola Concellería de Promoción Económica, que terá lugar do 2 ao 24 de decembro, as veciñas e veciños poderán participar ao mercar en establecementos adheridos e realizar compras superiores a 30 euros.

Os comercios interesados en unirse á iniciativa deberán inscribirse entre o 27 de novembro e o 3 de decembro para recibir material promocional o 5 de decembro. Pola súa parte, os clientes recibirán rifas numeradas ao realizar as súas compras, que deberán gardar xunto cos tickets correspondentes para optar ao premio.

O sorteo terá lugar no terceiro andar do Edificio Municipal de uso administrativo, onde se extraerá un ticket gañador e tres de reserva. O premio único de 1.000 euros será entregado á persoa cuxo número resulte seleccionado, sempre que presente o ticket de compra correspondente.

O Concello anima á cidadanía a apoiar o comercio local e a participar nesta campaña, que busca fomentar o consumo responsable e fortalecer a economía de proximidade. As bases completas están dispoñibles na web e nas redes sociais municipais.

 

0.17094492912292