Sada revivirá o seu pasado modernista cunha fin de semana chea de música, teatro e actividades de época

ACoruñaXa
A XV Feira Modernista celebrarase do 31 de xullo ao 2 de agosto cun mercado temático, rutas guiadas, concertos, espectáculos, paseos en autobús histórico e un bautismo aéreo en globo
feira-modernista-sada
23 Jul 2026

Sada volverá viaxar aos primeiros anos do século XX coa celebración da XV Feira Modernista, unha cita que se desenvolverá entre o 31 de xullo e o 2 de agosto e que transformará as rúas da vila nun escenario inspirado nunha das etapas máis representativas da súa historia.

A programación reunirá durante tres días propostas culturais, musicais e de lecer para todos os públicos, cun mercado modernista como un dos principais atractivos, ademais de rutas guiadas, espectáculos familiares, teatro, danza, maxia, concertos de jazz, swing e dixieland, obradoiros, un picnic popular, paseos en autobús de época e un bautismo aéreo en globo, condicionado ás condicións meteorolóxicas.

As actividades arrancarán o venres 31 de xullo ás 17.00 horas coa apertura do Mercado Modernista. Ao longo da tarde sucederanse a actuación de Henriko, o Feiticeiro; unha conferencia sobre o Centro Gallego de La Habana; a representación de Tachán, de Inventi Teatro; e o concerto de Mery Lafuente, que pechará a primeira xornada.

O sábado 1 de agosto o mercado permanecerá aberto entre as 12.00 e as 23.00 horas. O programa incluirá unha ruta modernista polo centro da vila, unha actuación de danza a cargo de Carmen López, un certame de pintura rápida, outra ruta por Fontán, o bautismo aéreo en globo previsto para as 19.00 horas, un pasarrúas con Pizarracleta, a actuación de Manu Gómez New Orleans Band, a proxección de imaxes históricas e o concerto de Hot Chocolates.

A última xornada, o domingo 2 de agosto, contará novamente co Mercado Modernista, aberto de 12.00 a 22.00 horas, e con paseos en autobús de época en horario de mañá e tarde. A programación completarase coa actuación de Ghop, unha exhibición de danza de Sadanza, un picnic popular, o espectáculo Alquimia do Mago Teto, música da St. James Dixie Band, obradoiros modernistas, un taller de baile organizado por Swing On School, a representación teatral Melocotón en Chicago e o concerto de clausura, protagonizado por Billie Holiday's SongBook by Marian Ledesma.

Ao longo de toda a fin de semana, a feira ofrecerá tamén diferentes actividades para descubrir o patrimonio modernista de Sada e unha ampla programación de propostas culturais e familiares, coa invitación aos asistentes para acudir vestidos con indumentaria de época e participar na ambientación desta celebración.

PROGRAMA DA XV FEIRA MODERNISTA DE SADA

0.11177015304565