Sada reforzará a atención social cun novo regulamento de inclusión
O Concello de Sada aumentará a súa atención aos usuarios e incrementará as axudas sociais tras aprobar o novo regulamento de inclusión social que substitúe ao de 2016. Esta nova normativa permitirá un incremento na dotación económica destinada a axudas básicas, como alimentos, subministracións enerxéticas ou vivenda.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Emprego, Patricia Martínez, destacou o compromiso do goberno municipal coa inclusión social: "Este novo regulamento permítenos reforzar a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e facilitar o acceso a recursos económicos fundamentais para cubrir as súas necesidades básicas".
O regulamento aprobado responde á intención do executivo liderado por Benito Portela de adaptar os recursos sociais ás necesidades da vila, cuxo orzamento para políticas de inclusión xa supera o 20%, fronte ao 8% que representaba en 2014. Esta actualización do investimento social permitirá que as axudas se xestionen de forma máis áxil, sen depender do réxime xeral de subvencións, para unha tramitación máis rápida e eficiente.
O alcalde, Benito Portela, subliñou que o obxectivo é garantir que os servizos sociais do concello respondan ás demandas actuais dun municipio en crecemento e que dean apoio efectivo aos colectivos máis vulnerables. "Este regulamento reafirma o noso compromiso coa xustiza social, para construír un concello máis inclusivo e solidario onde ninguén quede atrás".