Sada reclama á Xunta que recupere as liñas de bus de Veigue e Carnoedo ante os problemas xerados ós usuarios
O Concello de Sada reclama á Xunta de Galicia a recuperación das liñas de autobús ó seu paso por Veigue e Carnoedo tal e como funcionaban antes dos cambios executados o pasado 22 de xuño. Sinalan que as modificacións realizadas polo goberno galego non serviron para mellorar o transporte público que conecta o noso concello coa Coruña a través do norte de Oleiros; ó contrario, supuxeron unha mingua na calidade do servizo, tal e como nos están a manifestar os propios usuarios.
Malia as promesas de mellora, a realidade é que Sada perdeu conexións directas coa Coruña. Logo das modificacións, o municipio tan só conta cunha liña directa que circule por Carnoedo e Veigue en dirección á cidade, a B12. Esta liña unicamente ten saída ás 6.30 da mañá dende Sada (ás 7.30 horas dende A Coruña), polo que non é complicado asumir que cunha sola frecuencia a esa hora os usuarios beneficiarios da mesma son máis ben poucos.
Por outra banda, a veciñanza de Sada, especialmente a de Veigue e Carnoedo, non só perde conexións directas coa Coruña, senón que agora se ve na obriga de facer transbordo para chegar á cidade ou a Oleiros. Os usuarios de Sada teñen que coller a liña D10, cuxa última parada está situada en Lorbé, para subir alí á D9 e continuar o seu percorrido; mesma situación acontece para volver ó centro de Sada. Este obrigado transbordo está a supoñer serios problemas debido ó incumprimento sistemático, segundo denuncian os propios usuarios, dos tempos de espera entre que chega unha liña e marcha a seguinte.
A maiores disto, a falta de información sobre todos cambios de liñas e horarios, mesmo a complexidade á hora de acceder á mesma, fai que moitos usuarios descoñezan as modificacións efectuadas.
Dende o goberno local de Sada entenden que non se pode reclamar á cidadanía que deixe o vehículo particular na casa se despois non se facilita o uso dun transporte alternativo. Non se pode dificultar a mobilidade de quen depende do servizo público para traballar, estudar ou facer a compra. Así pois, agardamos que a Xunta escoite ós usuarios e recupere as conexións perdidas. Precisamos dun transporte público de calidade adaptado á realidade de Sada e da área metropolitana da Coruña.