Sada propón a Sargadelos renovar o convenio da piscina de Pía do Loureiro para o verán

ACoruñaXa
O Concello de Sada tamén expresou a Sargadelos o seu compromiso para que o patrimonio artístico e cultural do Museo Carlos Maside sexa accesible á cidadanía, propoñéndolle un convenio para ampliar o horario de visitas
Imaxe da piscina Pía do Loureiro en Sada
Imaxe da piscina Pía do Loureiro en Sada
22 mar 2024

O Concello de Sada ven de propopoñer á empresa cerámica Sargadelos un novo acordo para continuar a colaboración, tal como ocorreu en anos anteriores, na apertura da piscina do Castro, coñecida como Pia do Loureiro, a cal é propiedade do mencionado grupo cerámico.

A intención do executivo sadense é que a infraestrutura icónica poida abrirse para desfrute da veciñanza nos meses centrais do verán, tal e como ven acontecendo dende 2016, coa excepción dos anos da pandemia.

No convenio que o Concello lle trasladou á propiedade de Sargadelos recolle o compromiso do Goberno local para levar a cabo aquelas obras de mellora que fosen necesarias para a súa apertura. Así mesmo, o Concello amosou o seu interese nun terreo lindeiro á piscina para adaptalo como aparcadoiro para os usuarios que se acheguen a desfrutar a infraestrutura acuática. Ademais destes investimentos e dos gastos de mantemento derivados do seu uso, o Concello de Sada asumiría os gastos derivados da contratación do servizo de socorrismo.

Doutra banda,  o Concello propuxo a Sargadelos a sinatura doutro convenio, con respaldo económico xa orzamentado en 15.000 euros, que posibilite a apertura por un período de tempo máis prolongado do Museo Sargadelos Carlos Maside. A empresa de cerámica galega abriu de novo as portas deste museo en xullo do pasado ano e a intención do goberno local é apoiar economicamente á mellora da súa oferta cultural coa ampliación dos horarios e dos días que permaneza aberto ó público.

A proposta que trasladou o Concello de Sada a Sargadelos tamén busca que os escolares, especialmente os de Sada, teñan acceso a unha pinacoteca de referencia en Galicia e tamén ós coñecidos obradoiros de cerámica. Este museo é único, nas súas formas e no seu contido, polo que achegalo á cidadanía é unha obriga para calquera administración pública.