Sada presenta 'Sada e as súas praias' como tema do calendario municipal 2025

O Concello de Sada escolleu 'Sada e as súas praias' como tema para ilustrar o calendario municipal do 2025, poñendo en valor o rico patrimonio natural das súas praias e calas. Desde o castelo de Corbeiroa até a praia de Cirro, o municipio conta con espazos costeiros únicos que serán os protagonistas do novo almanaque.
O proceso será participativo e busca a implicación da cidadanía. Así, convídase ás persoas interesadas a enviar fotografías orixinais que retraten estas paisaxes costeiras. Das imaxes recibidas, o persoal municipal das áreas de Cultura e Educación seleccionará trece: unha para cada mes e outra para a portada.
Premios e información práctica
As persoas autoras das fotografías seleccionadas recibirán como recoñecemento un suadoiro de edición especial de Cero de Costa, que incluirá o nome das praias do municipio.
As imaxes deberán ser enviadas en formato horizontal .jpg ou .png, cunha proporción aproximada de 30x20 cm e unha resolución mínima de 250-300 ppp. Poderanse presentar ata tres fotografías por participante a través do formulario dispoñible en SADA.GAL. O prazo límite para enviar as propostas remata o 30 de novembro ás 23:59.
É importante garantir que as imaxes non foron premiadas en concursos previos nin publicadas profesionalmente. Ademais, se aparecen menores, será necesario contar co permiso explícito dos seus proxenitores para a súa publicación.
O calendario contará cunha tirada de 750 exemplares e será publicado en decembro.