Sada presenta o espectáculo infantil 'Travesía Unicornio' este venres 22 de novembro
A Concellería de Cultura de Sada organiza o venres 22 de novembro, ás 18:30 horas, o espectáculo infantil 'Travesía Unicornio', a cargo da compañía Ghazafelhos. Esta representación teatral, que terá lugar na Casa da Cultura, conta co apoio da Rede Cultural.
'Travesía Unicornio' é unha adaptación ao teatro do libro homónimo de María Canosa, obra gañadora da primeira edición do Premio Anisia Miranda de teatro infantil e publicada en marzo de 2023 por Edicións Embora. A historia presenta a un neno e o seu unicornio, quen se atopan cunha xenia que lles promete cumprir os seus desexos. Porén, para logralo, deberán escoitarse, aceptarse e, sobre todo, respectar os desexos das demais persoas.
A peza combina humor e reflexión, rompendo cos roles de xénero tradicionais e promovendo que nenas e nenos teñan liberdade para decidir sobre os seus gustos e preferencias. O evento é de entrada libre ata completar aforo, converténdose nunha oportunidade perfecta para que as familias gocen dunha tarde de cultura e diversión.