Sada prepárase para a Cabalgata de Reis Magos cun percorrido máxico e recepción real
A tradicional Cabalgata de Reis das Festas do Nadal do Concello de Sada celebrarase o vindeiro domingo 5 de xaneiro a partir das 18:00 horas, ofrecendo unha tarde máxica para todos os públicos.
Os Reis Magos de Oriente comezarán a súa visita á vila desde a lonxa ás 18:00 horas. O percorrido levaraos polas principais rúas de Sada, incluíndo a avenida do Porto, avenida da Mariña, rúa Venezuela, rúa Bergondo, rúa Pontedeume, rúa de Oza dos Ríos, praza da Igrexa Nova, avenida de Barrié de la Maza, Linares Rivas e rúa Venezuela, ata regresar á avenida da Mariña e finalizar na Casa da Cultura arredor das 19:30 horas.
Unha vez rematado o percorrido, as Súas Maxestades levarán a cabo unha recepción real na Casa da Cultura, onde os máis pequenos poderán saudalos e entregarlles as súas cartas cheas de ilusión e desexos.
O Concello de Sada agradece a colaboración das entidades ABANCA, Eroski e Gadis na organización deste evento e destaca especialmente o apoio da empresa Transvialia, que este ano aporta catro minibuses con condutor de forma gratuita para o traslado das carrozas reais.