Sada pide melloras urxentes no transporte público metropolitano
O Concello de Sada, encabezado polo alcalde Benito Portela, aproveitou hoxe a súa participación na Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña para presentar un conxunto de propostas que buscan transformar e optimizar o funcionamento do transporte público na vila. Estas iniciativas, froito do traballo colaborativo coa Plataforma Transporte Público Digno, pretenden paliar as carencias actuais e adaptar os servizos ás necesidades reais da cidadanía.
Unha das principais demandas presentadas é a recuperación das liñas e frecuencias eliminadas nas parroquias de Carnoedo e Veigue, pertencentes ao corredor norte. Estas zonas quedaron especialmente afectadas polos recortes realizados, deixando a moitos veciños cun servizo insuficiente. O Concello, ademais, reitera a necesidade de eliminar o intercambiador da Valexa, que consideran un obstáculo para a axilidade do sistema.
Tamén se puxo o foco no corredor central, o máis usado pola veciñanza e clave para conectar Sada coa cidade da Coruña. A proposta inclúe un aumento de frecuencias, a reducción dos tempos de viaxe (que en ocasións superan unha hora) e o reforzo do servizo nas horas punta, tanto de ida como de volta. Segundo o goberno local, estes tempos de traxecto son incompatibles cun sistema de transporte público eficiente que poida competir co uso do coche privado.
Outro dos puntos destacados é a necesidade de mellorar a información ofrecida aos usuarios. O Concello solicita a instalación dun sistema que permita coñecer en tempo real a posición dos autobuses e os tempos aproximados de chegada, mediante dispositivos nas paradas ou aplicacións móbiles. Esta medida, sinalan, é imprescindible para evitar situacións nas que os usuarios chegan puntuais á parada e descobren que o bus pasou antes de tempo.
Benito Portela subliñou que estas demandas son razoables e necesarias para mellorar a calidade de vida da veciñanza, favorecendo un transporte público máis accesible, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Ademais, agradeceu o traballo continuo da Plataforma Transporte Público Digno e apelou á Xunta de Galicia a tomar accións urxentes baseadas nestas propostas para garantir un servizo de calidade.