Sada mobilízase este sábado por un transporte público de calidade e seguro
O goberno local de Sada respaldará a mobilización convocada pola Plataforma Transporte Público Digno este sábado ás 20.00 horas fronte á Casa do Concello, en protesta polos recentes cambios no servizo de transporte impulsados pola Xunta de Galicia. Estes axustes, que afectaron notablemente as parroquias de Veigue e Carnoedo, reduciron o número de liñas e empeoraron a conexión coa cidade da Coruña.
Segundo denuncia o Concello de Sada, o número de servizos de transporte reduciuse de 28 a 22, o que provocou grandes dificultades para os usuarios habituais. A implantación de liñas lanzadeira en substitución das rutas directas coa Coruña, que funcionaban até xuño, foi especialmente problemática. Estas liñas obrigaron aos usuarios a realizar transbordos na Valexa, unha zona con graves problemas de seguridade para pasaxeiros, xa que non conta cun paso de peóns e os autobuses teñen que manobrar en condicións inadecuadas.
O alcalde de Sada, Benito Portela, lamentou que a Xunta de Galicia non tomara en consideración as suxestións realizadas na reunión de xullo coa Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela. Pola súa banda, o Conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, defendeu os cambios afirmando que “o transporte público non é un taxi” e que se deben adaptar ás demandas globais, non individuais.
O Concello de Sada e Oleiros, xunto cos usuarios do servizo, rexeitan estes axustes, que consideran insuficientes para atender as necesidades dunha poboación en continuo crecemento. O goberno local subliña que, ademais da redución de frecuencias, a calidade do servizo empeorou, con autobuses cheos que deixan pasaxeiros en terra e fallos nas frecuencias, especialmente na liña B8, que conecta Sada coa Coruña.
A concentración deste sábado busca reclamar un transporte público que sexa áxil, seguro e acorde coas necesidades reais da área metropolitana. O Concello de Sada fai un chamamento á Xunta de Galicia para mellorar este servizo esencial, que é clave para o benestar da súa veciñanza.