Sada mellora os tres colexios públicos durante o verán con novas actuacións nas súas instalacións

Os centros educativos públicos de Sada chegarán ao inicio do novo curso con diferentes melloras nas súas instalacións tras os traballos executados polo Concello durante os meses de verán. As actuacións, impulsadas a través da Concellería de Educación, tiveron como obxectivo incrementar a seguridade, mellorar a funcionalidade dos espazos e ofrecer unhas instalacións máis confortables tanto para o alumnado como para o profesorado.
As intervencións desenvolvéronse nos tres centros públicos do municipio, con actuacións adaptadas ás necesidades de cada un deles.
No CEIP Plurilingüe O Mosteirón, a principal intervención centrouse na renovación do pavimento da primeira planta, unha actuación que mellora a seguridade e a funcionalidade desta zona do edificio. Tamén se reforzou o peche perimetral do patio de Educación Infantil, renovouse a zona de area e realizáronse diferentes traballos de mantemento e reparación.
Estas actuacións dan continuidade ás realizadas o pasado ano, entre as que se atopaban o pintado do comedor escolar e a adecuación da aula de radio.
No CEIP Sada e Contornos, que o vindeiro ano celebrará o seu centenario, executouse un amplo programa de renovación para preparar o centro de cara a esta celebración. Os traballos incluíron o pintado integral do edificio, tanto no interior como no exterior, actuacións de mantemento nos canalóns e reparacións destinadas a evitar filtracións e entradas de auga.
Ademais, renováronse os estores e instalouse un aparcadoiro para bicicletas, unha medida que pretende dar un novo impulso ao proxecto do Camiño Escolar Seguro e fomentar unha mobilidade máis sostible entre a comunidade educativa.

Continúan as melloras no Pedro Barrié de la Maza
No CEIP Pedro Barrié de la Maza continúa a renovación integral do centro, impulsada conxuntamente polo Concello de Sada e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Mentres a Administración autonómica executa a rehabilitación do edificio, que inclúe a renovación das fachadas e da cuberta, a instalación eléctrica e diferentes melloras de eficiencia enerxética, o Concello está a desenvolver actuacións complementarias no recinto escolar.
Entre elas atópanse a mellora dos peches perimetrais e dos espazos exteriores. Ademais, nos próximos días está previsto que comecen as obras de renovación das pistas deportivas exteriores e do graderío.
Estas actuacións completaranse coa creación de novos espazos educativos vinculados á natureza na contorna da charca exterior.
O Concello de Sada agradeceu a colaboración das direccións e do profesorado dos centros educativos, que participaron durante o proceso e facilitaron o desenvolvemento das obras durante os meses de verán.
Pendentes as demandas da comunidade educativa
Porén, estas actuacións municipais conviven coas reivindicacións que a comunidade educativa trasladou o pasado mes de abril durante o Día da Educación Física na Rúa e que, segundo sinala o Concello, continúan sen resposta por parte da Consellería de Educación da Xunta.
Naquela xornada, os escolares deron lectura a un manifesto no que reclamaban a recuperación dunha "terceira hora" semanal de Educación Física e máis e mellores equipamentos deportivos para Sada. Entre as principais peticións figuraban as pistas cubertas, especialmente necesarias durante os meses de choiva.
"Cando chove non temos onde xogar", resumían os máis pequenos de Infantil ao reclamar espazos que permitan manter a actividade física con independencia das condicións meteorolóxicas.
Paulo Cortés tamén puxo o foco nesta carencia ao sinalar que "en Sada temos media pista cuberta". Segundo defende, contar con instalacións deste tipo é fundamental para promover a práctica deportiva entre o alumnado.
A demanda tamén foi trasladada polos estudantes de Secundaria, que advertiron de que a falta de espazos deportivos cubertos supón un importante "obstáculo" para a práctica deportiva.
Deste xeito, mentres o Concello avanza nas actuacións de mellora e renovación dos centros educativos públicos de Sada, parte da comunidade educativa continúa á espera dunha resposta ás peticións relacionadas coa ampliación das horas de Educación Física e coa creación e mellora de equipamentos deportivos cubertos.