Sada lidera o crecemento poboacional na área metropolitana da Coruña

ACoruñaXa
O municipio aumenta un 1,58% a súa poboación, consolidándose como un destino preferido na comarca
Imaxe aerea de Sada
15 Dec 2024

Sada reafírmase como o concello con maior crecemento poboacional na área metropolitana da Coruña, segundo os datos definitivos do padrón municipal publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este venres. Con 266 novos habitantes durante o último ano, o municipio rexistrou un incremento do 1,58%, alcanzando un total de 17.140 veciños e veciñas.

Ao longo da última década, Sada sumou preto de 2.000 habitantes, consolidándose como unha vila de referencia para quen busca un lugar para construír o seu fogar. “Estes datos reflicten o bo traballo realizado nos últimos anos para mellorar a calidade de vida e os servizos públicos no noso concello”, sinalou o goberno local.

Compromiso con melloras continuas

Desde o Concello aseguran que este crecemento non é motivo de conformismo, senón un estímulo para seguir avanzando. O goberno local aposta por iniciativas que potencien o benestar cidadán, a mellora de infraestruturas e a dinamización económica a nivel local, convencidos de que Sada ten un futuro prometedor por diante.

Finalmente, o Concello quixo agradecer a confianza das persoas que escolleron Sada como fogar. “Contando con todas e todos vós, seguiremos traballando para que Sada sexa un municipio acolledor, dinámico e con oportunidades para todas as xeracións”.

⚙ Configurar cookies
0.48778486251831