Sada inviste 390.000 euros na mellora do núcleo histórico de Fontán

ACoruñaXa
“Este goberno local ten un compromiso firme coa posta en valor do histórico barrio de Fontán. Con estas obras redobramos esforzos para mellorar os servizos públicos e urbanizar a principal vía que atravesa o barrio” explicou o concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente, Fernando Fariña
Imaxe das obras en Fontán en Sada
27 May 2024

O Concello de Sada vén de informar de que estes días comezaron en Fontán as obras de substitución de redes e urbanización da rúa Sanjurjo Badía entre a rúa das Flores e a AC-163. Esta actuación atópase encadrada no marco dos distintos traballos para poñer en valor o núcleo de Fontán iniciados en 2020 polo goberno local, e que noutro tramo da Rúa Sanjurjo Badía xa foi executado.

Este proxecto consistirá en utilizar o mesmo patrón xa empregado no tramo antes de chegar á rúa das Flores, substituíndo o pavimento de formigón existente por un de empedrado no resto da Rúa Antonio Sanjurjo Badía, así como o pavimento de taco existente na praza substituíndoo por panos de formigón con árido visto e panos de empedrado negro. As obras teñen un prazo de execución de 5 meses, polo que a súa finalización está prevista para despois de verán.

No referido ás instalacións e servizos públicos proponse unha actuación completa para substituír os colectores de saneamento, separando augas pluviais de residuais, así coma o soterramento das redes de electricidade, telecomunicacións e alumeado, comezando na Praza da Fonte ata chegar ao cruce da Rúa Sanjurjo Badía coa estrada AC-163.

“Fontán é un dos principais espazos urbanos que temos en Sada, dende logo un dos máis simbólicos e dende hai anos traballamos para a súa posta en valor e protección”, explicou Fariña. O obxectivo é que esta urbanización dea continuidade á reforma acometida polo Concello no ano 2020, nun primeiro tramo no que o executivo de Benito Portela investiu preto de 115.000 euros. A este investimento hai que sumar o destinado á mellora da escaleira de madeira do porto. As obras no barrio de Fontán complétanse coa xa anunciada hai uns meses para a reforma completa do parque situado no porto, no que se prevén 215.000 euros de investimento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.148756980896