Sada inviste 340.000 euros na reurbanización da Avenida Párroco Villanueva

ACoruñaXa
“Estamos a falar dunha das vías centrais das nosa vila, polo que a súa mellora non só redundará na veciñanza da zona, senón do conxunto de sadenses que necesitan empregala xa sexa en vehículo ou a pé”, remarcou o alcalde, Benito Portela
Imaxe das obras de reurbanización da Avenida Párroco Villanueva en Sada
21 Maio 2024

O Concello de Sada iniciou esta semana as obras de reurbanización e mellora da Avenida Párroco Villanueva entre a Avenida Barrie de la Maza e Sadadarriba. A calzada desta avenida correspóndese coa estrada DP-7506. Con esta actuación o goberno local busca a mellora de toda zona dende o punto de vista da mobilidade peonil e de vehículos, pero tamén procura a continuidade da trama urbana e a estética urbanística. As obras servirán tamén para mellorar a rúa Eduardo Blanco Amor.

A execución das obras traerá consigo unha mellora notable do estado das beirarrúas, co obxectivo de facilitar o tránsito peonil nunha avenida xa de por si complicada ao tratarse dunha costa bastante pronunciada. Ademais, como en todas as obras desta envergadura, executaranse melloras nos servizos municipais básicos de abastecemento de auga e de saneamento e pluviais. Do mesmo modo renovarase a rede de alumeado público.

Ademais, a parte superior da rúa onde se atopa o cruceiro merece unha mención especial, xa que se pretende pór en valor. Proxéctase que o pavimento nese ámbito sexa de formigón gris sobreelevado. O cruceiro estará rodeado dunha franxa de empedrado. Desde as tres esquinas deste empedrado partirán tres bandas que dirixirán a mirada do transeúnte ao cruceiro, ademais de actuar como banda redutora de velocidade.

O conxunto dos traballos executaranse nun prazo de cinco meses dende a data de inicio das obras logo dun investimento estimado en 336.440 euros.

Dende o Concello de Sada agradecemos a colaboración por parte da veciñanza, especialmente a que reside nesta avenida, durante o tempo que estas obras estean en execución e avanzamos desculpas polos inconvenientes que poden xurdir no día a día ata que rematen.

0.12021493911743