Sada instala un Buzón Máxico para enviar as cartas a Papá Noel e os Reis Magos

As nenas e nenos de Sada xa poden enviar as súas cartas a Papá Noel e aos Reis Magos grazas ao Buzón Máxico instalado na Praciña de Correos. O Concello reutilizou un antigo colector de papel en desuso, transformándoo nun espazo especial que combina creatividade e compromiso co medio ambiente.
Esta iniciativa, realizada en colaboración co Consorcio As Mariñas, promove a reutilización de materiais, contribuíndo a reducir residuos e alargando a vida útil de obxectos. Ademais, é un exemplo de como pequenas accións poden xerar un impacto positivo tanto na sustentabilidade como na imaxinación dos máis pequenos.
O persoal de Obras e Servizos levou a cabo a transformación do colector, asumindo con ilusión o reto proposto polo departamento de Cultura. O Concello agradeceu a súa implicación e destacou a importancia de proxectos coma este para fomentar unha comunidade máis sostible e consciente.