Sada insiste na apertura do Museo Carlos Maside tralo inesperado rexeitamento de Sargadelos
O Concello de Sada reafirma o seu compromiso para facilitar a apertura do Museo Carlos Maside, un dos principais referentes de arte contemporánea en Galicia. A administración local lamenta que, a última hora, o grupo Sargadelos rexeitara a sinatura dun convenio previamente negociado, alegando un exceso de requisitos e documentación a cambio da subvención pública proposta.
Dende antes do verán, o Concello e Sargadelos mantiñan conversas co obxectivo de abrir o museo e poñer en valor o seu vasto patrimonio artístico. Para iso, o goberno local tiña previsto destinar unha achega de 15.000€ a través dun convenio que, entre outras iniciativas, permitiría que os escolares da localidade puidesen acceder á pinacoteca.
A pesar da negativa de Sargadelos, o Concello de Sada defende a necesidade de velar polo bo uso dos fondos públicos, subliñando que os requisitos esixidos á fundación son os mesmos que calquera outra entidade ou empresa debe cumprir ao recibir subvencións municipais.
O goberno local destaca que, malia este revés, seguirá apostando por colaborar co grupo Sargadelos e por traballar en proxectos que poñan en valor o patrimonio cultural de Sada e da comunidade galega.