Sada insiste á Xunta na necesidade de mellorar as liñas de bus e eliminar o intercambiador da Valexa

ACoruñaXa
O alcalde Benito Portela pide recuperar as rutas suprimidas e mellorar a frecuencia en horas punta para evitar buses masificados
Edificio do Concello de Sada
8 Nov 2024

O Concello de Sada acadou o compromiso da Xunta de Galicia de estudar as melloras solicitadas no servizo de transporte público, tras a reunión mantida entre o alcalde Benito Portela e o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. As demandas de Sada céntranse na recuperación das liñas de autobús eliminadas que conectaban as parroquias de Veigue e Carnoedo coa Coruña e na eliminación do intercambiador da Valexa, que, segundo o Concello, complicou as conexións en lugar de melloralas.

Dende o verán, o Concello de Sada vén recibindo queixas pola masificación e a falta de puntualidade dalgúns buses, especialmente nas liñas que circulan por Meirás e Osedo. O alcalde xa transmitira estas preocupacións á Dirección Xeral de Mobilidade, que daquela se comprometera a estudar os problemas, pero sen realizar cambios significativos ata o momento.

Portela destacou que estas peticións reflicten a necesidade de ofrecer un servizo de transporte público adaptado ás necesidades da veciñanza de Sada, que require un sistema eficiente e accesible. Agárdase que a Xunta poida implementar cambios que respondan ás demandas dos usuarios locais, contribuíndo a un transporte máis útil para a cidadanía.

0.1985399723053