Sada impulsará a reforma integral do parque do porto cunha zona infantil verde
O goberno local de Sada propón destinar preto de 600.000 euros do POS da Deputación á reforma integral do parque do porto e ó acondicionamento das estradas de Vertín a Mosteirón e da Casa do Pobo de Meirás.
Este acondicionamento da estrada de Vertín suporá un cambio notable para os veciños de Mondego e Mosteirón. As obras en Meirás mellorarán a contorna da casa do pobo e o parque do porto converterase nunha nova área verde con zona infantil e de lecer logo dun investimento de 215.000 euros.
Mellora na estrada de Vertín
As veciñanzas de Vertín, Mosteirón e Mondego verán cumprida ao longo deste ano unha vella demanda: a reforma integral da vía que comunica os núcleos de Vertín e Esperela. Coa fin de levar adiante este proxecto, o goberno de Benito Portela reservará un investimento de case 235.000 euros. Trátase dunha estrada que na actualidade presenta distintas deficiencias que precisan dunha reforma en profundidade, a pesar de que se foron facendo arranxos puntuais. Esta vía soporta unha elevada intensidade de vehículos, xa que nos seus extremos sitúanse os centros educativos CEIP Pedro Barrié de la Maza e CEIP e IES O Mosteirón. A reforma non só mellorará o estado xeral da estrada, de forma que os vehículos circulen sobre un firme renovado, senón que servirá para impulsar zonas peonís que garantan unha maior seguridade para a veciñanza que pasea pola zona.
Un parque infantil no porto cunha zona verde
Outro dos principais obxectivos do executivo de Benito Portela é poñer en valor o histórico barrio de Fontán. Por iso, o goberno local propón un investimento de 215.000 euros destinados á reforma integral e humanización do parque infantil.
“A mellora deste parque pasa pola creación de zonas diferenciadas, de forma que convivan nun mesmo espazo diferentes grupos de idade e usos diversos. Instalaremos novos elementos de xogo, substituiremos o mobiliario urbano por un renovado e plantaremos vexetación” explicou o alcalde. Ademais engadiu que: "Dotamos así ó barrio de Fontán dun espazo verde que servirá de punto de encontro non só para a veciñanza, senón tamén para os visitantes que veñen a Sada a desfrutar do noso patrimonio” .
Vía de acceso a casa do Pobo de Meirás
O terceiro dos investimentos propostos executárase sobre a vía que da acceso á casa do Pobo de Meirás e ao cemiterio de San Martiño. Neste caso o orzamento previsto ascende a 142.000 euros e dará cumprida resposta a outra demanda dos veciños de Meirás, como era o arranxo desta contorna.
Neste sentido, o pavimento da vía será completamente renovado e tamén se executará unha senda peonil segregada do tráfico que permitirá transitar con maior seguridade e comodidade pola contorna. No tramo empedrado da rúa reducirase a velocidade a 20 km/h por motivos de seguridade viaria e mellorarase tamén a iluminación coa instalación de novas luminarias LED.