Sada impulsa un novo contrato do SAF con máis de 1,6 millóns de euros ao ano

ACoruñaXa
O goberno local leva ao pleno de marzo unha proposta que garante 70.000 horas anuais de atención, reforza o control público do servizo e introduce melloras laborais para o persoal
CONCELLO DE SADA
Imaxe de Noelia Uceira
26 Mar 2026

O goberno local de Sada someterá ao pleno ordinario de marzo a aprobación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha das prestacións con maior peso social e económico da administración municipal. A proposta fixa un orzamento anual de 1.640.701,59 euros, unha cifra coa que o Concello consolida este recurso como o principal esforzo orzamentario destinado a un servizo público.

A nova licitación evidencia, ademais, a aposta sostida do executivo polos servizos sociais e polas políticas de coidados. Se no ano 2015 o SAF dispuña de 300.000 euros anuais, na actualidade supera os 1,6 millóns, multiplicando por máis de cinco o investimento. Para o goberno local, esta evolución responde a unha estratexia continuada para ampliar a cobertura, reforzar os recursos públicos e situar a atención ás persoas entre as prioridades da acción municipal.

Os pregos recollen unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prórroga por un máis, e aseguran un total de 70.000 horas de atención ao ano. Desa cifra, 60.244 horas estarán destinadas a persoas en situación de dependencia, mentres que as 9.756 restantes corresponderán a servizos de libre concorrencia. Entre as novidades máis destacadas figura a subida do prezo por hora ata os 23,44 euros, fronte aos 17,05 euros do anterior contrato, unha medida coa que se busca mellorar tanto a prestación asistencial como as condicións laborais das traballadoras.

A proposta municipal pon o acento na calidade por riba do prezo á hora de adxudicar o servizo. Así, os criterios reservan 42,50 puntos ao proxecto de intervención e 8,50 puntos ás melloras ofertadas polas empresas. Entre esas achegas adicionais inclúense prestacións complementarias como limpezas de choque, acompañamento, perruquería e podoloxía a domicilio, así como a incorporación de axudas técnicas esenciais para o día a día das persoas usuarias, caso de camas articuladas, grúas de mobilización ou cadeiras adaptadas.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Emprego, Patricia Martínez, puxo en valor o alcance da proposta ao sinalar que 'estamos ante un contrato que medra non só en cifras, senón tamén en ambición social e en calidade, poñendo ás persoas no centro das políticas públicas'. A edil tamén incidiu en que 'dignificar os coidados tamén pasa por mellorar as condicións de quen os presta, e este contrato avanza claramente nesa dirección'.

Nesa liña, o novo contrato incorpora avances nas condicións do persoal, coa dotación de novos medios materiais como teléfonos móbiles, roupa de traballo e ferramentas dixitais, ademais de formación específica e unha mellor organización do servizo. Ao mesmo tempo, o Concello prevé reforzar a supervisión pública mediante a implantación dun plan de calidade e de novos protocolos que permitirán un seguimento máis exhaustivo e continuo.

Con esta iniciativa, o executivo local defende que Sada dá un novo paso para fortalecer a rede municipal de coidados, elevar a calidade asistencial e responder con máis recursos ás necesidades da veciñanza.

0.12016201019287