Sada esixe á Xunta unha resposta sobre o futuro do módulo deportivo de Mondego

ACoruñaXa
A administración local critica o silencio da Consellería de Presidencia e reclama unha solución urxente para mellorar as instalacións deportivas do municipio
Imaxe do proxecto do módulo deportivo de Mondego
18 Out 2024

O Concello de Sada volveu a instar á Xunta de Galicia a clarificar a súa posición sobre o futuro do módulo deportivo de Mondego, unha infraestrutura que considera vital para atender as necesidades deportivas do municipio. A obra, inicialmente proposta para o uso do CEIP Barrié de la Maza, foi rexeitada polo Consello Escolar do centro, quedando agora en mans da Consellería de Educación a decisión final sobre a súa execución. A administración local destaca que, a día de hoxe, o Concello é a única entidade que se comprometeu a investir recursos neste proxecto, mentres que os seus múltiples intentos de contactar coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes non obtiveron resposta.

O módulo deportivo non só beneficiaría á comunidade escolar, senón ao conxunto dos veciños e veciñas de Sada, ao fomentar a práctica do deporte e mellorar a calidade das instalacións municipais. Ante esta situación, o Concello de Sada reclama á Xunta que atenda as demandas do municipio, que aposta claramente pola mellora dos servizos públicos e polo fomento de actividades deportivas para toda a cidadanía.

Dende o goberno local, salientan que este proxecto podería contribuír a paliar as carencias de infraestruturas deportivas na área, e que se trata dunha oportunidade para dotar a Sada dun equipamento que cubriría unha demanda crecente entre a poboación. O Concello mantén a súa disposición a colaborar e espera unha resposta positiva que permita avanzar no impulso desta instalación tan necesaria.

0.14430594444275