Sada esixe á Xunta recuperar os enlaces directos dos autobuses coa cidade da Coruña

ACoruñaXa
O Concello critica a perda de servizos de bus e o empeoramento dos tempos de viaxe, urxindo á Dirección Xeral de Mobilidade a reverter os cambios antes do inicio do curso escolar
Imaxe dos autobuses da Xunta
28 Ago 2024

O Concello de Sada intensifica a súa reclamación á Xunta de Galicia para recuperar os enlaces directos de autobús entre Sada e A Coruña, tras un verán que, segundo o goberno local, supuxo un claro retroceso no servizo de transporte público para a veciñanza. O alcalde Benito Portela denunciou que, malia as promesas feitas pola Directora Xeral de Mobilidade, Judit Fontela, na reunión mantida hai un mes, a situación non só non mellorou, senón que empeorou.

Segundo o Concello, os cambios implantados en xuño deste ano resultaron na redución de frecuencias de autobús, pasando de 28 a 22 servizos diarios. Este descenso de servizos, unido á introdución de liñas lanzadeira que obrigaron a facer transbordos, prolongou significativamente os tempos de viaxe cara a Coruña, o que está a disuadir a moitos usuarios de empregar o transporte público. "Seguimos sen ver as melloras das que fala a Xunta de Galicia", subliñou Portela, que tamén criticou que a redución de servizos en Sada se utilizou para reforzar outras liñas noutros puntos do percorrido, unha decisión que o goberno local considera inaceptable.

A situación na zona de transbordo en Valexa é outro punto de preocupación. Segundo o Concello, a infraestrutura non está preparada para o volume de usuarios, e a falta dun paso de peóns obriga aos pasaxeiros a cruzar unha estrada perigosa, mentres que os autobuses teñen que manobrar marcha atrás e estacionar nunha urbanización non habilitada como parada oficial. Portela advertiu que estas condicións non só incrementan os tempos de espera, senón que tamén poñen en risco a seguridade dos pasaxeiros e condutores.

Co inicio do curso escolar e o final das vacacións á vista, o Concello de Sada insta á Dirección Xeral de Mobilidade a reconsiderar os cambios efectuados e a restaurar os servizos directos que operaban antes do verán. "Estamos dispostos a colaborar coa Xunta para mellorar os servizos públicos, pero estes cambios están a prexudicar claramente á nosa veciñanza", afirmou Portela, quen reiterou a súa disposición para traballar conxuntamente co goberno autonómico para atopar solucións que beneficien a todos.

 

 

0.11386704444885