Sada despedirá o ano ‘nas Antípodas’ coas uvas no mar e brindando pola ‘Illa Navidad’

Sada volverá vivir este mércores 31 de decembro unha das despedidas de ano máis singulares da comarca: o ‘Fin de Ano das Antípodas’, a celebración que impulsa a Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros e que traslada simbolicamente o cambio de ano ao mediodía, seguindo os fusos horarios do outro lado do planeta.
Segundo avanzou o colectivo, a frota patexeira zarpará arredor das 11.00 e o encontro desenvolverase fronte ao espigón e á Praia das Delicias. Xusto ás 12.00 chegará o momento central, coa toma das uvas e o brinde polo aninovo, este ano coa ‘Illa Navidad’ como referencia da celebración.
A tradición, que leva anos consolidada en Sada, reúne embarcacións (sobre todo de vela) e tripulacións que se xuntan coas uvas e ambientación festiva para despedir o ano no mar, nun acto aberto no que a entidade convida a participar á veciñanza e ás persoas que queiran achegarse a gozar desta particular benvida ao 2026.