Sada celebra a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática
O Concello de Sada celebra a intención do goberno central de declarar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, unha decisión que consolida ao municipio como un lugar clave para o recordo e homenaxe ás vítimas da ditadura franquista. Aínda que o Concello lamenta non ter recibido unha comunicación oficial ao respecto, os actos previstos pola iniciativa "España en Libertad" apuntan a que a declaración terá lugar no mes de agosto.
O alcalde de Sada, Benito Portela, destacou a importancia deste recoñecemento: “Desde o primeiro momento defendemos que Meirás debía ser un espazo para honrar a memoria de todas as persoas que loitaron contra a ditadura ou sufriron a súa represión. Este recoñecemento non é incompatible con outros usos do Pazo, como a reivindicación do legado literario e intelectual de Emilia Pardo Bazán.”
A declaración como Lugar de Memoria Democrática, segundo a Lei de Memoria Democrática, destácase pola súa relevancia histórica e simbolismo na memoria colectiva, vinculándose á loita pola democracia e á represión sufrida tras o golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil e a Ditadura.
O Pazo de Meirás pode visitarse actualmente os fins de semana en horario de mañá, con reserva previa na web pazodemeiras.sada.gal. Estas visitas inclúen os xardíns do Pazo, o hall de entrada e a capela.