Sada, Cambre, Bergondo e Oleiros esixen melloras urxentes no abastecemento de auga
Os alcaldes e alcaldesas de Sada, Cambre, Bergondo e Oleiros demandan á Consellería de Infraestruturas unha reunión urxente, na que tamén solicitan a presenza de responsables de EMALCSA, para abordar a renovación e mellora das redes xerais de abastecemento de auga nos seus municipios.
Un dos principais puntos de demanda é a ampliación do colector xeral que abastece, desde A Telva, os depósitos de Bergondo, fundamentais para garantir o subministro aos depósitos de Sada e Oleiros na zona de Castelo. Esta rede destaca pola súa eficiencia, ao operar por gravidade sen necesidade de bombeos intermedios. No caso de Oleiros, as outras entradas de auga, a través do Temple e a ponte da Pasaxe, incrementan os custos ao requirir bombeos para as zonas máis altas do concello.
Ademais, os concellos consideran prioritaria a construción dun novo depósito de auga en Sarro, imprescindible para asegurar o abastecemento en Cambre, especialmente nas áreas de Pravio e Cecebre, que levan anos sufrindo carencias no servizo.
Estas necesidades xa foran expostas hai máis de cinco anos, pero ata o momento non se realizaron as obras por parte da Consellería nin de EMALCSA, o que levou aos municipios a intensificar a súa demanda. Os concellos alertan de que as infraestruturas actuais non son suficientes para cubrir as necesidades da poboación, especialmente ante o crecemento demográfico e a demanda cada vez maior de recursos.